publicidade hoxe

Protección Civil de Cangas celebra o seu patrón homenaxeando aos voluntarios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

Mañá sábado 12 de setembro ás 11:00 horas terá lugar no Salón de Plenos do Concello de Cangas o acto de entrega de distincións que concede a Agrupación de Protección Civil. Aproveitando a celebración do Patrón de Protección Civil, farase entrega dos certificados acreditativos da formación adquirida polos voluntarios ao longo do ano 2014. Ao acto están invitados tanto os grupos políticos coma todos os veciños que desexen compartir uns momentos con voluntarios e homenaxeados.

Este ano as distincións recaen na Oficina Municipal de Voluntariado polo seu traballo altruísta, desinteresado e discreto que fan en varios campos da sociedade canguesa, dende acompañar a persoas maiores ata colaborar en eventos culturais e deportivos. Tamén será distinguido José Israel Hermelo Martínez, presidente da agrupación ata o ano 2004 e un dos artífices que conseguiu que a entidade lograse arrancar da nada e contar cunha trintena de voluntarios en pouco tempo. Neste tempo, a agrupación contou coa cesión por parte da Xunta de Galicia de varias embarcacións e vehículos, o que fixo que ao enorme potencial humano se lle sumase ese material aumentando así a súa eficacia.

Unha vez finalizado o acto, na explanada de Ojea mostrarase o distinto material do que dispón a agrupación e, se a climatoloxía o permite, os veciños poderán probar o uso de mangueiras, equipos de respiración, almofadas elevadoras, padiolas ou os equipos de excarceración. 

“O Cristo da Pila”

O luns, 14 de setembro e día propio do patrón, na excolexiata terá lugar a misa do patrón de Protección Civil “O Cristo da Pila”, tamén coñecido como o “Cristo que non quixo arder” ás 20:30 horas para rematar coas celebracións. 

A historia de “O Cristo da Pila” conta que nunha das invasións que sufriu a vila, foi saqueada a igrexa e levaron coma trofeo a mencionada imaxe, que apareceu posteriormente flotando na praia de Rodeira.

11 de setembro de 2015 | 18:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.