Preséntase un libro histórico sobre o modo de vida en Ponte Caldelas
A Deputación de Pontevedra, na súa liña de fomento da difusión da etnografía dos Concellos da provincia, presentou esta mañá o libro “Ponte Caldelas hace cien años. Una alegría urbana a orillas del Verdugo”, a través do que se fai un repaso da vida nesta vila en clave sociolóxica. Na presentación, o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, destacou a importancia de que a Deputación supoña “unha vía para que os historiadores e investigadores poidan dar a coñecer o seu traballo”, polo que anunciou que se continuará nesa liña de traballo editorial, tratando de difundir a etnografía dos concellos, “á que lle sumaremos aspectos ambientais, deportivos e outros eixos que resulten de importancia a nivel local”.
Deste libro en concreto destacou o arquivo fotográfico que recolle e a análise social que fai do funcionamento das vilas a nivel histórico, facendo un repaso ao modo de vida das diferentes clases sociais, e mesmo analizando o que se publicaba en prensa naquel momento. “Con este traballo estamos facendo posible que as xeracións futuras poidan contar con referencias históricas e teñan acceso a este fondo documental”, afirmou Xosé Leal.
Na presentación participaron amais do propio deputado provincial da área de Cultura, Xosé Leal, o autor do libro, Buenaventura Aparicio Casado, e a xefa de Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico, Ana Vicente.
O autor do libro, Buenaventura Aparicio Casado, fixo fincapé na investigación dos modos de vida de todos os estratos sociais, analizando desde a composición das elites da vila, ata a realidade social das clases populares, caracterizada fundamentalmente por épocas de escaseza e a dureza das súas condicións de vida. Incluíu ademais aspectos como as formas de diversión e festexos e un apartado sobre a emigración, que contou coa particularidade de estar moi especializada, concentrada no Brasil, e máis concretamente en Salvador de Bahía. Segundo Aparicio Casado, o vitalismo da sociedade daquela época fixo posible que a día de hoxe Ponte Caldelas sexa unha vila moi acolledora e atractiva, con grandes activos como a súa gastronomía.
Despois da presentación des mañá, o libro tamén será presentado en Ponteareas, nun acto previsto para o vindeiro 11 de setembro.











