Prescriptores do Reino Inido encomian a personalidade e corpo dos viños da D.O. Rías Baixas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+
Visita dos prescriptores á D.O. Rías Baixas

Visita dos prescriptores á D.O. Rías Baixas

Cinco prescriptores de importantes empresas de Reino Unido participan desde hoxe e até o mércores nunha misión inversa na Denominación de Orixe Rías Baixas. Visitarán varias adegas das subzonas de Val do Salnés, Condado do Tea e O Rosal. Molly May Stevenson, Andrew Coles e Natasha Montgomery, representantes do prestixioso establecemento de viños, Cambridge Wine, e Noelia Calleja e Luis Rejón López, da cadea de restauración Iberica Restaurants, iniciaron esta mañá a súa viaxe cunha visita á sede do Consello Regulador.

Alí recibiron unha breve charla informativa por parte da responsable de Mercadotecnia, Eva Mínguez, para despois continuar cunha cata de 23 marcas. Como primeiras impresións, todos eles destacaron a “personalidade e corpo dos viños de Rías Baixas”. 

Neste sentido, Noelia Calleja indicou que “resulta moi curioso, porque cada un dos viños ten o seu carácter. Son moi distintos entre si, dentro das similitudes que teñen todos eles, porque a froita e a frescura cambian moito”, concreta esta profesional que se confesou “unha namorada do Albariño Rías Baixas”.

O principal obxectivo desta misión inversa é “que se coñezan máis os viños de Rías Baixas en Reino Unido”. De feito, comprobaron nas distintas accións promocionais levadas a cabo en ambos os establecementos que “cando proban os viños sorpréndenlles moitísimo”. No caso de Iberica Restaurants, desenvolvéronse varias campañas “nas que quixemos dar a coñecer aos nosos clientes que é o Albariño Rías Baixas. Os resultados foron fantásticos”, explica.

Entre as accións tamén destacou unha master class na que se demostrou a versatilidade dos viños desta denominación de orixe na cociña. “Ten unha maridaxe moi ampla. Non só marisco ou peixe, que é a versión tradicional, se non que tamén se pode combinar con outros moitos pratos”, afirmou Calleja. 

En xeral, “o que máis se valora dos viños de Rías Baixas é a súa frescura. Ademais, moitos aínda teñen a idea pechada de que España só produce un tipo de viño, polo que estamos a tentar deconstruir esa concepción e volver construílo porque estes son uns grandes viños e teñen moito futuro”, concluíu unha das representantes da cadea Iberica Restaurants.

O segundo mercado exterior

Reino Unido é o segundo mercado en exportación desta denominación de orixe. Non en balde, están a levarse a cabo nos últimos anos campañas específicas de promoción neste país, onde os viños de Rías Baixas contan cunha gran aceptación entre o público.

No que á evolución de exportacións refírese, as vendas en Reino Unido multiplicáronse por tres entre 2006 e 2014. En concreto, levaron a este país 238.983,35 litros de viño, no primeiro caso, mentres que o pasado ano a cifra alcanzou os 735.679,75, un incremento que continúa en alza.

28 de setembro de 2015 | 18:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.