Posta de longo do Santiago Futsal ante a súa afección
A mellor liga do mundo de fútbol sala regresa mañá ao Multiusos Fontes do Sar. Sábado, día pouco habitual para os encontros do Santiago Futsal, pero data na que as cámaras de Teledeporte retransmitirán en directo a estrea dos de Santi Valladares nun total de 28 países. A posta de longo do Santiago Futsal ante a súa afección non deixará indiferente a ningún dos seus seguidores, que mañá volverán vibrar coa escuadra branca, este ano celeste, e que poderán acceder cun acompañante de forma gratuíta ao encontro de mañá. Factores, todos eles, que contribuirán a que o partido de mañá sexa unha verdadeira festa.
Tras o empate a pasada xornada en terras castellonenses (4-4) ante Peñíscola RehabMedic, un encontro que, máis aló do resultado, deixou moi boas sensacións nas filas santiaguesas xa que lograron remontar o 4-1 co que se foron ao descanso e déronlle a volta ao partido e ao resultado. Pola súa banda, Magna Gurpea, chega ao encontro de mañá tras caer no seu primeiro encontro de Liga ante Palma Futsal por 3-4. Neste segundo partido da tempada, ambos os conxuntos poñerán o mellor de si na pista; dous equipos que teñen obxectivos paralelos e cuxas aspiracións se atopan nas oito primeiras prazas e a clasificación para Copa de España e Play Off.
Aínda que o conxunto navarro é un equipo ao que os locais lle teñen tomada a medida, xa que nas súas doce visitas á capital galega, só sumaron unha vitoria, a da tempada pasada (1-3). Nos once encontros anteriores, os de Santiago cultivaron un total de sete vitorias e catro empates. Os encontros entre Santiago Futsal e Magna Gurpea son partidos de intensidade e goles, moitos. Os de Santi Valladares suman un total de 51 tantos marcados nos seus encontros en casa ante o conxunto navarro, mentres que os visitantes marcaron un total de 36. Ademais, os de Santiago marcan unha media de 4 goles en cada partido en casa ante Magna Gurpea. Con estas cifras, prevese que o encontro de mañá, ademais de ser moi competido, conte co engadido dun marcador avultado para ambos os conxuntos.
Para o encontro de mañá Santi Valladares non poderá contar con David Palmas, que segue co proceso de recuperación da lesión do proximal músculo-tendón do recto anterior esquerdo da súa perna esquerda. Tampouco poderá contar o técnico santiagués con Pablo Tallón, que segue con molestias no seu ombro dereito tras o golpe recibido no encontro da pasada xornada; nin con Juanjo Catela, que tras incorporarse ao equipo a semana pasada, está a exercitarse á marxe dos seus compañeiros.
Rolda de prensa
O técnico do conxunto celeste, Santi Valladares compareceu esta mañá ante os medios para analizar o encontro de mañá. En canto ao seu rival de mañá o técnico santiagués dixo “Se nesta Liga actual todos os equipos son ‘toritos’, digamos que este particularmente é un miura. Magna Gurpea co equipo que xa tiña, formado polos seus xogadores veteranos, coas novas incorporacións que fixo, ten equipo para estar aí arriba na clasificación. É un equipo aguerrido, que sabe perfectamente o que fai e cun míster que leva 14 anos expondo e demostrando a mesma filosofía.”
Valladares tamén respondeu as preguntas dos medios sobre a situación na que chega o equipo a este primeiro encontro da tempada ante a súa afección tras as fichaxes realizadas este verán “Os xogadores que se quedaron creceron, e os que chegaron teñen experiencia, aínda que sexan moi novos. Demos un paso máis a nivel experiencia, aínda que non estamos ao nivel de Magna Gurpea nese aspecto. Pero a nivel competitivo si, a nivel competitivo estamos á altura de calquera.”
O técnico tamén destacou que o partido de mañá non se parecerá ao primeiro de Liga da tempada pasada no Pavillón de Anaitasuna, no que a escuadra santiaguesa caeu por un marcador de 4-0; senón que será un partido máis competido, como o visto no Multiusos na Copa do Rei cun marcador de 6-6 e posteriores tiros de penalti que lle deron a vitoria ao Santiago Futsal “Ou moito me equivoco ou non creo que sexa un partido como o da primeira volta de Liga do ano pasado. Nin polo marcador, nin polo xogo. Con estes dous equipos o que adoita pasar é que se presenten partidos como o de Copa: axustados, igualados no marcador, un arriba e outro abaixo e que logo iso cambie, partidos competidos, nobres… Pero sobre todo, partidos con goles. Estes partidos nunca foron de poucos goles.”
O xogador Dani Montes, quen marcou no encontro da xornada pasada o gol do empate a falta de 40 segundos para o final do partido, destacou que non se pon unha cifra de goles esta tempada porque “a miña idea esta tempada é axudar ao equipo en todos os aspectos, non só con goles, que tamén é importante, pero quero axudar ao equipo en defensa, na elaboración… Eu non me quero marcar un número de goles, porque a miña prioridade é esa. Pero cuantos máis goles marque, mellor para o equipo e para min.”
En canto á evolución do equipo da tempada pasada a esta, o pívot salmantino dixo “O equipo gañou en calidade en todos os aspectos: no pase, no 1×1… E cando hai máis calidade é máis fácil meter gol.”
Dani tamén sinalou que a filosofía do equipo celeste esta tempada pasa por “loitar e competir cada partido coma se fose unha final para poder conseguir os obxectivos que queremos. Esta Liga vai estar moi igualada e aínda que nós estamos moi contentos co equipo que formamos, os demais equipos non se quedaron atrás. Aquel que estaba por encima outros anos aínda fichou a outros dous xogadores que lle van a subir o nivel, e así case todos desde o oitavo/noveno clasificado.”
Mañá será o primeiro encontro da tempada do conxunto celeste ante a súa afección, e o pívot teno claro “Como xogar en casa non hai nada. O apoio da nosa afección é unha forza maior para nós. Sabemos que se non estamos no partido, eles vannos a meter e que todo o sacrificio e compromiso que demostremos eles vánnolo a recompensar.”











