publicidade hoxe

Portos de Galicia destina 700.000 euros á mellora da capacidade portante da explanada principal do porto de Brens

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCee
A-
A+

O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, visitou esta mañá o peirao comercial do porto de Brens para comprobar o remate das obras de mellora da capacidade portante que se levaron a cabo neste peirao do municipio coruñés de Cee. Durán manifestou que “coa posta en servizo desta explanada, o porto de Brens acada unha maior operatividade e competitividade ao reforzar a superficie do peirao comercial con formigón especial”. Esta actuación contou cun investimento superior aos 700.000 euros, que serán financiados cunha partida finalista de Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (Feder).

Esta actuación completa as obras realizadas no peirao de Brens para ampliar a súa capacidade de atraque e permitir a entrada de buques de ata 25.000 toneladas. Dita ampliación xerou unha zona de explanada de 22.000 metros cadrados que as empresas operadoras utilizan como depósito, almacenamento e tratamento de mercadorías.

Para reforzar a pavimentación provisional que se empregara inicialmente na obra de ampliación do peirao e conseguir un mellor illamento das mercadorías que se depositan nesta zona, Portos de Galicia procedeu á pavimentación da metade da explanada de depósitos. En concreto, a superficie pavimentada foi de 312 metros de lonxitude por 37 de ancho, é dicir, de 11.544 metros cadrados, na zona máis próxima ao muro do peirao de atraque. O firme é de formigón vibrado sobre base de grava-cemento.

Con esta actuación dáse resposta ás necesidades dos operadores comerciais que desenvolven a súa actividade no porto e que precisaban dunha zona de traballo libre de residuos para almacenar as mercadorías, especialmente as ferroaleacións. Tamén se mellora a competitividade dos peiraos comerciais, dinamizando a actividade económica da zona. Con esta actuación posibilitaranse operacións con buques de maior tamaño que os que actualmente atracan no peirao antigo.

1 de setembro de 2015 | 20:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.