publicidade hoxe

Pleno intenso en San Sadurniño para quitar títulos honoríficos, modificar ordenanzas e ratificar o apoio municipal ao sector leiteiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Dúas horas xustas. Ben, non xustas de todo, xa que faltaron 43 segundos para facer os 120 minutos exactos dunha sesión con debate abondo e unanimidades en asuntos como a retirada de títulos honoríficos a Franco e ao seu ministro Girón de Velasco, ou na moción urxente presentada polo BNG en defensa do sector leiteiro, que acabou sendo asumida como unha declaración institucional polos tres grupos municipais. A priori parecía que serían os puntos referidos á modificación de ordenanzas fiscais os que xerarían maior controversia dialéctica. Porén, no montante cronolóxico total da sesión foron dos que menos tempo comeron. O protagonismo levouno, principalmente, o acordo para iniciar o expediente de anulación do convenio asinado en 2007 coa cooperativa de San Sadurniño e tamén a quenda de intervencións do público, unha das máis animadas que se recordan.

Os cinco primeiros puntos pasaron o trámite plenario en pouco máis de 6 minutos. Así, a corporación estivo de acordo en fixar como festivos locais en 2016 o Martes de Entroido -9 de febreiro- e o luns 4 de xullo, Santa Sabela. Tamén acordaron que o Concello suscriba o convenio coa Xunta para xestionar os resíduos de aparatos eléctricos e electrónicos, consistente en modificar o xeito en que se tratan estes aparellos polos que a partir de agora, en vez de ter que pagar, o Concello recibirá unha pequena cantidade por tonelada que recolla. Nestes momentos trátanse coma o resto de voluminosos e o convenio axudará a procesar mellor este tipo de lixo, que se separará en cinco fraccións por tipoloxía: neveiras, lavadoras, televisores/pantallas, ordenadores/pequenos aparellos electrónicos e lámpadas. A corporación acordou suscribir o acordo coa administración autonómica e, ademais, que se leve a cabo unha campaña informativa entre a veciñanza sobre un sistema de recollida que se quere desenvolver compartido con Moeche. 

Outro punto que saiu adiante foi a modificación de crédito de 22.000 euros. Apoiárono o BNG e o PSOE mentres que o PP se abstivo. Tratábase de darlle o visto e prace a un asunto de encadre orzamentario que se limitou a mover esa contía -proveniente da baixa na obra do campo de fútbol- a outro punto da clasificación do presuposto para dotar economicamente as obras do saneamento no lugar do Chao e a adquisición de colectores para o lixo.

Ordenanzas
Tamén saíron adiante as modificacións das ordenanzas, nun caso só cos votos do BNG e no outro co apoio do PSOE e a abstención do PP. Pero, vaiamos por partes. A primeira ordenanza que se modificou foi a do IVTM, a que regula a “rodaxe” dos coches. Tal e como se explicou no pleno San Sadurniño levaba desde o ano 2000 sen tocar os prezos deste imposto, que permanecían desde aquela cos mínimos marcados polo Estado. 

Trala modificación, o IVTM calcularase aplicando o coeficiente 1.25 en todos os tramos que, na práctica, supón a suba dun 25% con respecto ao que se pagaba ata agora. Un coeficiente que, malia todo, permitirá que San Sadurniño continúe sendo un dos concellos da volta coa rodaxe máis barata -A Capela ten o 1.30, Ferrol o 1.72 e Narón o 1.84, entre outros- só Moeche a tén máis baixa, posto que aplica o 1.10. A modificación da ordenanza refai e reordena o seu articulado para facela máis comprensible e incorpora novas bonificacións. Continuarán podendo beneficiarse dun 100% de desconto no imposto os vehículos adaptados para persoas con mobilidade reducida, os tractores e vehículos con tarxeta de inspección agrícola e os históricos. Agora incorpóranse ás bonificacións -un 50%- os vehículos híbridos e eléctricos. O PP mostrouse contrario á suba por entender que se poderían baixar outros gastos municipais e o PSOE sinalou que a suba do IVTM se podería demorar ante un posible incremento en breve dos mínimos que marca o Estado. O BNG sustentou a modificación nunha cuestión de responsabilidade fiscal e apuntando que suporá un incremento nos ingresos municipais próximo aos 30.000 euros que redundarán no mantemento da rede viaria ou dos servizos sociais. 

No tocante á modificación da ordenanza que regula o uso das instalacións municipais, o goberno local propuxo variar o prezo dos abonos familiares e dos cursos que se imparten na piscina para minorar o défice do servizo. A ordenanza -que levaba 15 anos sen variar- tamén contempla agora prezos maiores nestes dous apartados para familias de fóra do concello. Por outra banda, incorpórase un prezo de 30 euros por hora de uso do campo de céspede artificial de Currás, aínda que só para aquelas equipos e entidades de fóra do municipio. O PSOE apoiou a modificación ao entender que non suporá unha carga importante sobre a economía das familias, mentres que o PP optou por absterse puntualizando que debería haber máis diferenza nos prezos para empadroados e non empadroados.

Convenio coa cooperativa

Un asunto que concentrou boa parte do debate plenario foi o de iniciar o expediente de anulación do convenio asinado en 2007 coa extinta cooperativa de explotación en común de San Sadurniño. Como se recordará, o convenio permitiu dispor de terreos para construír o centro de día a cambio de compensar á entidade por medio da recualificación doutros terreos da súa propiedade a través do PXOM. O convenio establecía un periodo máximo de 5 anos para materializarse. Tempo no que a cooperativa se disolveu e nomeou liquidadores, pero tamén tempo en que o PXOM non se chegou a aprobar.

Nesta situación os liquidadores solicitáronlle ao Concello unha indemnización de 1.5 millóns de euros. Unha contía que o organismo municipal rexeitou ao tempo que pediu informes xurídicos -incluso ao Consello Consultivo de Galicia- para ver a vía de compensación máis axeitada, mantendo en todo momento a posibilidade de continuar co espírito inicial do convenio. O concello tasou os terreos ocupados en algo máis de 84.000 euros e estuda volver os demais. Porén o que se tratou hoxe no pleno foi anular o convenio de acordo co ditame do Consello Consultivo, que detectou deficiencias de forma no procedemento. Unha circunstancia que, sen embargo, non pecha a vía de chegar a un acordo sobre as indemnizacións ou, de ser o caso, que sexa a xustiza quen as estableza. 

O PSOE abstívose e só se pronunciou para indicar que o asunto debe estar, precisamente, en mans da xustiza, e preferiu deixar o debate dos matices para o PP e o BNG. Os populares pediron que se lle explicase á xente un proceso no que, para eles, se tería cometido unha presunta de prevaricación. Tamén pediron que ambas partes -Concello e liquidadores- senten negociar. O bloque puntualizou que xa houbera xuntanzas para negociar que non deran resultados e acusou ao portavoz do PP de manter un posicionamento inmoral por, segundo aseguraron, defender intereses particulares en vez dos municipais.

Franco deixa de ser alcalde honorario e José Antonio Girón de Velasco fillo adoptivo

A proposta que máis interese espertou entre os medios nos últimos días, a de retirarse a alcaldía honorífica a Franco e a de quitarlle o título de fillo predilecto a un dos fundadores das JONS- obtivo a unanimidade do pleno sen ningún tipo de debate. 

Tratábase de deixar se efecto dous acordos plenarios, un de 1939 e outro de 1950, que ensalzaban con todo tipo de adxectivos as figuras do ditador e de Girón de Velasco, que tamén foi ministro de Traballo con Franco. A proposta, motivada no cumprimento da Lei de Memoria histórica, abundou na condena do golpe de Estado do 36, da Guerra Civil e da ditadura.

Mocións sobre a pobreza enerxética, a Lei “Mordaza” e o sector leiteiro

O apartado de mocións incluíu tres propostas. A primeira delas abordou a solicitude de apoio municipal para a iniciativa lexislativa popular que persegue o establecemento unha tarifa eléctrica galega que faga máis competitivas as empresas do país e que teña en conta o dereito universal das persoas a ter subministración enerxética. Defendeuna un representante da CIG, quen sinalou que Galicia é excedentaria en produción eléctrica e que, polo tanto, pode beneficiarse dunha redución das peaxes nun 30% que beneficie o tecido produtivo galego e tamén a aquelas arredor de 100.000 familias que estarían nestes momentos nunha situación de pobreza enerxética. A moción atopou o apoio de nacionalistas e socialistas. O PP rexeitouna argumentando, entre outras cuestións, que as iniciativas lexislativas non son asuntos que poidan debater os plenos. 

Outra moción, neste caso presentada polo PSOE, tentou recabar o apoio plenario para que se solicite a retirada da coñecida como Lei “Mordaza”, a lei de seguridade cidadá recentemente aprobada polo goberno estatal que, ao entender dos socialistas, non é froito dunha demanda social e que só tería como obxectivo impedir a contestación social ante as medidas adoptadas do goberno. O BNG apoiou as teses dos socialistas ao considerar que a lei supón unha merma dos dereitos cívicos. Pola súa banda, o PP votou en contra, defendendo a lei como garante dos dereitos da cidadanía.

A última moción chegou presentada pola vía da urxencia polo BNG ao respecto da crise do sector leiteiro. En principio os tres grupos tiñan pensado levar adiante unha declaración institucional acordada nos últimos días que, finalmente, non chegou a consensuarse. Aínda así, o bloque trouxo a súa proposta e expúxoa. A grandes trazos vólvese incidir na defensa do sector e do seu dereito a producir con prezos dignos, insta aos gobernos autonómico e estatal a que se articulen medidas neste sentido e que se garantan prezos en orixe xustos, para o que se esixe a creación dunha interprofesional que fixe os criterios para calcular a cadea de valor do leite. Por último, a moción introduciu o compromiso municipal de apoiar as mobilizacións previstas para os próximos días 7 e 10 en Santiago de Compostela.

Preguntas

O apartado das preguntas estivo capitalizado polas cuestións expostas polo PP. Os populares quixeron saber os custes do proceso emprendido polo Concello contra as facturas de SOGAMA. Un dato que o alcalde non precisou por non dispor na sesión das cifras exactas. O portavoz do PP tamén preguntou a razón de que non haxa bandeira española nin cadro do rei no salón de plenos e de que non se garde a prelatura das enseñas no exterior. O alcalde indicou que, se é necesario, colocaranse e que non tiña constancia de que a cuestión fose unha preocupación veciñal. O PP preguntou, por último, se sería posible ver as declaracións da renda e os ingresos dos membros da corporación na web municipal. O alcalde sinalou que a Lei de Transparencia será de obrigado cumprimento en decembro e que os datos estarán dispoñibles en internet. O portavoz do goberno lembrou, ademais, que o que perciben os edís está publicado xa no BOP e nas actas que figuran na web municipal. Un asunto que despois volvería cobrar interese nas intervencións do público, entre as que se conta unha que solicitaba que se publicasen os salarios do persoal municipal.

Debate na quenda do público

O momento máis tenso da sesión -e tamén o que máis tempo ocupou- foi o das intervencións veciñais. Foron arredor de 25 minutos de dialéctica protagonizados polo alcalde e polo exedil popular e veciño de Igrexafeita Hipólito Yáñez, quen comezou criticándolle a Secundino García os seus xestos faciais nos momentos en que interviña a oposición, acusándoo de “arrogancia e prepotencia” e dun comportamento “patético”. Noutra orde de cousas, Yáñez asegurou que Igrexafeita “non evolucionou nada” nos últimos anos e preguntou se ía haber investimentos nesta parroquia. Este veciño tamén se interesou sobre o asunto das sacas da madeira e o seu impacto nas vías públicas, centrando a cuestión sobre que se estaba facendo neste sentido desde o Concello. Por último, Yáñez laiouse de que as asociacións de veciños estivesen, ao seu xuízo, “mortas” suxerindo unha posible influencia do equipo de goberno nesta situación. O debate completo pode escoitarse na gravación do pleno a partir do minuto 93 do pleno (1.33minutos)

5 de setembro de 2015 | 20:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.