Permanece á espera de declarar en comisaría o veciño de Vigo detido pola morte dunha muller

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+
Europa Press

O home de 31 anos detido na noite do domingo tras entregarse en comisaría pola morte dunha muller, da que supostamente era parella desde hai un ano, permanece en dependencias policiais á espera de prestar declaración. Segundo informaron fontes policiais, o arrestado, un veciño de Vigo duns 31 anos, estaba á espera da chegada do seu avogado para declarar en comisaría.

Aínda que inicialmente estaba previsto que pasase a disposición do Xulgado de Instrución Número 2 de Vigo tras declarar en sede policial, finalmente o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia confirmou que este luns non está previsto que pase a disposición xudicial e cando o faga será no Xulgado de violencia sobre a muller ao confirmarse un suposto caso de violencia de xénero.

A falecida é unha muller de 46 anos natural de Brasil que, á espera dos resultados da autopsia, morreu supostamente a consecuencia dun golpe e descártase o uso dunha arma branca no crime. O TSXG confirmou, ademais, que “non había denuncias previas”.

Así mesmo, as fontes policiais consultadas apuntaron que veciños da céntrica rúa López de Neira onde sucederon os feitos indicaron á Policía Nacional que a vítima exercía a prostitución e recibía a clientes na vivenda.

CELOS

Ademais, sinalaron que o home e a falecida supostamente mantiñan unha relación desde facía un ano e protagonizaban discusións, segundo indicaron as mesmas fontes, supostamente por celos.

Os feitos ocorreron sobre as 20,00 horas deste domingo, cando un home se personou en comisaría para entregarse pola morte dunha muller. Ao mesmo tempo, familiares da falecida puxéronse en contacto cos servizos de emerxencia, que foron quen atoparon o seu corpo.

O Concello de Vigo convocou este luns ás 13,00 horas unha concentración en repulsa pola morte e solidariedade cos achegados da vítima.

7 de setembro de 2015 | 11:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.