Pasa a disposición xudicial o detido en Vigo pola morte da súa parella
O home de 31 anos de idade detido na noite do domingo, tras entregarse na Comisaría do Corpo Nacional de Policía de Vigo, pola morte da súa parella pasou á primeira hora deste mércores a disposición do Xulgado de Violencia sobre a Muller da cidade olívica, segundo confirmaron fontes policiais.
Sobre as 9,10 horas deste mércores, o arrestado foi conducido desde dependencias policiais ao Xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo. A vítima, unha muller de 46 anos e de nacionalidade brasileira, foi achada morta na tarde do domingo, no seu domicilio da céntrica rúa López de Neira. A súa parella presentouse en comisaría para entregarse pouco despois, e foi detido como suposto autor do crime.
Os primeiros indicios apuntan a que a muller, que ten unha filla residindo en Brasil e outro fillo de 21 anos de idade, que vivía con ela, faleceu como consecuencia dos golpes supostamente propinados polo que era o seu noivo desde facía un ano. Fontes xudiciais confirmaron que non constaban denuncian previas contra o mozo.











