Pallasos en Rebeldía leva música e risas a Palestina

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+
Europa Press

O Festiclown Palestina 2015, organizado por Pallasos en Rebeldía e dirixido polo clown Iván Prado, celébrase dende este luns 7 e ata o 16 de setembro, por terceiro ano, coa ‘mission’ de levar risas e música aos corazóns, teatros e prazas, dos palestinos de Cisjordania. Durante dez días, cidades como Jerusalén, Ramala e Nablus verán as súas rúas “invadidas de arte e esperanza”, segundo destaca a organización, que apunta que miles de nenos vivirán a maxia do circo nos seus colexios. “A risa é un alimento para a esperanza, e a cultura nosa forza para axudar a unha Palestina libre”, remarca Iván Prado.

O Festiclown pretende “empoderar a través da arte á sociedade civil palestina”, fundamentalmente a mulleres, novos e nenos. Tamén ten a tarefa de difundir entre a poboación palestina a risa e a esperanza a través do clown e o circo “como instrumentos para a transformación social e visibilizar o drama humanitario que sofren os refuxiados” para concienciar a comunidade internacional sobre o conflito”.

“Onde Israel levanta muros, Pallasos en Rebeldía constrúe esperanza; onde pon tanques, nós circo e alegría; onde lanza bombas, nós tortas de nata. Eles matan a xente de fame, nós de risa”, destaca Prado.

Nesta terceira edición, o Festiclown Palestina, ademais de con Iván Prado, conta coa participación dos cataláns Txarango, coa súa música de cambio, esperanza e revolución.

Destacan tamén outros artistas de renome no ámbito circense, como a compañía Kanbahiota, o actor Ion Zumelaga e a Brigada ‘Rivas vai cara a Palestina’, un grupo socio-cultural formado por 15 mozos de Rivas que realizarán actividades sociopedagógicas e reforzarán o programa artístico de Pallasos en Rebeldía.

As actividades completaranse coa participación de compañías locais, a asociación Human Supporters e a Escola de Circo Palestina.

O FESTICLOWN PALESTINA

O Festiclown Palestina ten as súas orixes nunha caravana de Pallasos en Rebeldía de 2009 por Cisjordania, que dous anos máis tarde, en 2011, fixo nacer a primeira edición deste festival, tras o paso do seu director Iván Prado polo cárcere de Ben Gurión e a súa posterior expulsión do país.

En aquela edición participaron corenta artistas entre os que sobresaíron Patch Adams e Leo Bassi. A segunda edición celebrouse do 9 ao 14 de outubro de 2014 co obxectivo de paliar os graves efectos aos que se viu sometida a poboación palestina tras a crise dese verán en Gaza, con artistas como o prestixioso actor e clown Pepe Viyuela e o escocés Johny Melville.

O Festiclown reivindícase como “unha oportunidade para que o mundo do circo e a cultura se poña do lado das vítimas, e empurre a historia cara ao final do único xenocidio que permanece dende hai dous séculos neste mundo globalizado”.

7 de setembro de 2015 | 21:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.