Ourense destina 477.478 euros para axuda ás familias no gasto de escolarización, alimentación, conciliación e intervención socioeducativa
O Concello de Ourense reforzará este ano as axudas a escolares en situación de vulnerabilidade. En total, durante este curso a Concellería de Asuntos Sociais destina 477.478 euros para axuda ás familias, tanto no gasto da escolarización e alimentación, como en conciliación e intervención socioeducativa.
Logo de valorar as 1.283 solicitudes (foron estimadas 870) procedentes de 714 familias ourensás en situación de vulnerabilidade, o Concello de Ourense, a través da Concellería de Asuntos Sociais destina 401.220 euros (un 3% máis que o ano pasado) para o programa de axuda escolar, tanto en material escolar (Educación Infantil) como para o comedor para todos os ciclos educativos de centros públicos e concertados.
O 100% das familias que están en situación de vulnerabilidade son deste xeito preceptoras da axuda municipal. Esta medida supón que as familias con menos recursos poderán optar a unha alimentación axeitada para os seus fillos durante todo o curso escolar.
Estas axudas van destinadas tanto a colexios públicos como concertados e se complementan con outra serie de axudas proporcionadas polo Concello de Ourense, como son o programa de apoio escolar para a prevención do absentismo na escola, que chega a 68 nenos e nenas, e o de concliación laboral e familiar nos centros cívicos, que acolle a 1.260 rapaces e rapazas, que ascenden a 76.258 euros.











