Ourense celebra o día internacional dos maiores cunha obra de teatro interxeneracional

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A Concellería de Asuntos Sociais do Concello de Ourense celebra o ‘Día Internacional das Persoas de Idade’, que terá lugar o vindeiro 1 de outubro cunha actividade de teatro no Centro Cívico de A Ponte. A actividade consistirá nun contacontos no que participarán membros de teatro do grupo Aturuxo de teatro de maiores que desenvolve o Concello de Ourense, e unha das monitoras do obradoiro, do grupo Sarabela, así como menores do Centro Cívico de A Ponte para favorecer as relacións interxeneracionais. O conto escollido pertence ao legado popular galego e falará de valores coma o afecto, o cariño da familia, a verdade… e terá lugar o xoves 1 de outubro ás 18:00 horas.

Cursos para minorías étnicas

Por outro lado, a concellería dirixida por Sofía Godoy iniciará a vindeira semana as seguintes actividades formativas dentro do Programa de Minorías Étnicas:

– 3 cursos de alfabetización dixital, dirixidos a persoas maiores de 16 anos de etnia xitana, cunha duración de 20 horas cada un. Comezarán o 30 de setembro e terá lugar nos centros cívicos de A Ponte e de A Cuña.

– Programa de apoio socio educativo na escola da Concellería de Asuntos Sociais do Concello de Ourense, dirixido a menores de Educación Primaria. A partir do 1 de outubro nos colexios CEIP Prácticas-Anexa, CEIP Irmáns Villar, CEIP Mariñamansa, en horario extraescolar de tarde.

Prazas dispoñibles para a Escola Municipal de Idiomas

Por outra banda, o luns ábrese o prazo de inscripción para ocupar 42 prazas libres na Escola Municipal de Idiomas do Concello de Ourense. Serán 40 prazas para adultos (niveis dende iniciación ata pre-intermedio) e 2 prazas para rapaces e rapazas de 2º de Primaria.

Para solicitar unha de estas prazas, as persoas interesadas deben poñerse en contacto coa Concellería de Educación (Praza de San Martiño nº2 – 1º, 32005 Ourense. Teléfono: 988 388 136)

A asignación de praza será de acordo coa orde de solicitude a partir do luns 28.

Os cursos de inglés comezarán o día 1 de outubro e rematarán o 20 de xuño. O horario no que se impartirán as clases será de tarde, salvo no grupo de inglés Elemental-2 que será os venres de 10:00 a 12:00. As clases para nenos consistirán en dúas sesións semanais de 55 minutos cada unha. Os grupos de adultos terán unha única sesión semanal de 110 minutos, resultando un total de 70 horas. O custe da matrícula será de 19,80€ e a cuota trimestral de 59,60 euros.

28 de setembro de 2015 | 12:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.