Ourense celebra a Semana Europea da Mobilidade con actividades de educación viaria para escolares

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O Concello de Ourense celebra a Semana Europea da Mobilidade 2015 (16-22 de setembro) con actividades educativas e de lecer para os centros públicos e concertados da cidade. Baixo o lema “Elixe. Cambia. Combina. A túa Mobilidade”, quérese concienciar os escolares de como os pequenos cambios de hábitos poden facer mellorar a saúde, a calidade do aire e reducir a contaminación acústica. Para iso, as áreas de Educación, de Medio Ambiente e de Seguridade Cidadá organizan obradoiros prácticos, probas de habilidade e ata unha ruta en bicicleta pola cidade que chegarán a máis de 750 rapaces.

Os obxectivos principais son os de animar a xente a repensar e utilizar as diferentes alternativas de transporte dispoñibles e escoller a forma máis axeitada para trasladarse, invitándoos a combinar as distintas opcións: “a miúdo pode proporcionar unha viaxe máis rápida e, sobre todo, respectuosa co medio ambiente e co resto dos veciños”, en palabras de Belén Iglesias, concelleira de Educación. “Ir andando ou en bicicleta, en lugar de utilizar o vehículo privado, mellora a calidade do aire, reduce o ruído e prevé a obesidade ao facer exercicio”, son algunhas das mensaxes da Semana da Mobilidade. “Para as distancias longas pódese utilizar o transporte público como alternativa, combinándoo con outros modos non motorizados”.

Para concienciar os escolares, o Concello realizará as seguintes actividades:

Gymkanas e circuítos de educación viaria, para o que se cortará o tráfico de 9:00 horas a 13:30 horas. As actividades comezarán ás 10:00 horas.

– Venres 18 de setembro, na explanada da Policía Nacional, 100 alumnos do Mestre Vide. (Coa presenza da concelleira Belén Iglesias ás 11:00 horas).
– Luns 21 de setembro, na explanada da Policía Nacional, 100 alumnos de 5º e 6º de Primaria dos colexios Divina Pastora e Curros Enríquez.
– Mércores 23 de setembro, na rúa José Antonio Nieves Conde, 100 alumnos de 5º e 6º de Primaria do colexio CEIP Amadeo Barroso.
– Xoves 24 de setembro, na Rúa Victoria Kent, 100 alumnos de 5º e 6º de Primaria do CEIP A Ponte.

O Día europeo sen coche, martes 22 de setembro a partir das 10:30 horas, preto de 200 alumnos do CEIP O Couto farán un percorrido en bicicleta polas rúas do barrio. A mascota do programa de saúde, Cardio, animará o percorrido.

Obradoiros de reparación de bicicletas: clases prácticas na que un experto explicará ao alumnado como manter a punto a bicicleta: engraxado, axustes básicos e arranxo de picadas. Estes obradoiros vanse a realizar tanto nos circuítos viais coma nos centros CEIP Prácticas, CEIP San Pío X e CEIP Manuel Luís Acuña.

Igualmente, e con vocación de permanencia ao longo do ano, organizaranse obradoiros de Educación Viaria dirixidos a escolares, mozos e maiores. Desde o Concello quérese facer, ademais, un chamamento especialmente dirixido aos pais e ás nais do noso alumnado para que as zonas escolares sexan menos ruidosas, máis agradables e saudables para todos en detrimento do abuso que se fai do coche.

17 de setembro de 2015 | 18:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.