Os votos en contra do PP e do PSOE tomban a posibilidade de que o Concello da Coruña presente emendas aos orzamentos xerais do Estado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Goberno municipal presentou este luns ante o Pleno do Concello da Coruña unha proposta para solicitar a todos os grupos parlamentarios “unidade” para introducir emendas aos presupostos xerais do Estado para 2016 e que estes teñan en conta partidas específicas e necesarias para o municipio. A iniciativa contou co apoio do grupo do BNG pero foi tombada cos votos en contra de PSOE e PP.

Ambas as dúas formacións volveron a unirse para tombar a proposta do Goberno municipal de aprobar un modificativo de crédito necesario para facer fronte ás facturas pendentes do anterior Executivo. Os socialistas rexeitaron a iniciativa a pesar de que en xornadas anteriores manifestaran o seu voto en positivo a esta medida. Tanto o grupo que sustenta o Goberno municipal, como o PSOE e o PP abstivéronse nunha solicitude de voto particular que solicitou o BNG para destinar 30.000 euros a actuación en contra das violencias machistas. A este respecto, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, manifestou sentirse “atónito” ante o cambio de posición do PSOE que se decantou tras a aprobación do voto particular do BNGao que recordou as manifestacións feitas en prensa polos socialistas nos últimos días nos que anunciaban o apoio ao modificativo. “O pacto ao que se chegou foi o mesmo que se levou á Xunta de Goberno e á comisión informativa”, recordou.

Con respecto á votación da iniciativa para solicitar emendas nos orzamentos xerais, Ferreiro, lamentou que ambas as dúas formacións, neste caso, “non se puxeran por diante dos seus partidos e decidisen remar xuntos, todos na mesma dirección” para conseguir un mellor trato para a cidade por parte do Goberno central en cuestións tan cruciais como a rexeneración da Ría do Burgo. Con todo, o rexedor manifestou que, se ben a súa intención, era acudir tanto ao Congreso como ao Senado, co apoio de todos os grupos do arco municipal, o Goberno municipal seguirá adiante coa súa reivindicación. “Este alcalde vaise poñer a traballar dende xa para que estes temas estean presentes na axenda do Congreso e do Senado”, que recordou a súa participación na Mesa da Ría do Burgo, xunto con outros alcaldes da comarca, así como confrarías e Universidade para solicitarlle á Xunta e ao Goberno central maior compromiso e concreción para co saneamento e rexeneración desta zona.

Entre outras propostas, o Goberno municipal pretendía solicitar, co apoio de todos os grupos municipais, que os orzamentos xerais do Estado prestasen especial atención a asuntos tales como a accesibilidade na cidade, a estación intermodal ou o tren de cercanías, ademais da rexeneración da Ría do Burgo. “Creo sinceramente que, cando se pode, é importante que rememos todos xuntos na mesma dirección, porque o que aquí se plantexaba iba a favor dos intereses da cidade”, opinou Ferreiro.

14 de setembro de 2015 | 20:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.