Os viños da D.O. Rías Baixas son o acompañamento perfecto para a gastronomía xaponesa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPontevedra
A-
A+
Prescriptores xaponeses na visita á D.O. Rías Baixas

Prescriptores xaponeses na visita á D.O. Rías Baixas

A Denominación de Orixe Rías Baixas acolle desde hoxe e até o xoves a visita de cinco prescriptores xaponeses. Profesionais de vendas de grandes almacéns, Manabu Saito, Harue Shirahama, Yui Higashikoba e Chisako Morimoto visitarán diferentes adegas situadas nas subzonas de Val do Salnés, O Rosal e Condado do Tea. Ademais, aproveitando a época de vendima, terán a oportunidade de ver o proceso de elaboración do viño, e mesmo de probar mosto.

No seu percorrido, estarán acompañados por Chieko Konagaya, analista de mercados de alimentación e agricultura na Oficina Económica e Comercial da Embaixada de España en Tokio. Esta visita ten como finalidade “ver e coñecer a terra onde se elaboran estes viños tan singulares”, indicou Konagaya.

Os cinco prescriptores nipóns iniciaron a súa viaxe cunha cata de diferentes marcasen a sede do Consello Regulador. Aproveitando a súa visita ao Pazo de Mugartegui, a responsable do departamento de Mercadotecnia da D.O. Rías Baixas, Eva Mínguez, ofreceulles unha charla sobre os principais aspectos da denominación.

Sobre as súas primeiras impresións, Chieko Konagaya asegurou que “os viños están realmente bos. Ademais, os Rías Baixas son o acompañamento perfecto para a gastronomía xaponesa”. Neste aspecto, indicou que xa se realizaron varias accións promocionais en Xapón” para dar a coñecer esta versatilidade na cociña. “Está a estenderse moito o coñecemento sobre os viños de Rías Baixas. A variedade Albariño xa lle está soando aos xaponeses, sobre todo en Tokio”, indicou a analista.

O principal obxectivo desta misión inversa é que, a través do coñecemento máis directo da denominación de orixe, os prescriptores participantes, “que son compradores de grandes almacéns poidan ampliar a presenza dos viños de Rías Baixas en Xapón. Moitos deles xa os coñecían, pero só comercializaban unha referencia. Esperamos que tras esta visita poidan facerlle oco nos andeis a máis marcas de Rías Baixas”, concretou Chieko Konagaya.

As exportacións triplicáronse

O incremento da presenza dos viños da Denominación de Orixe Rías Baixas en Xapón tamén se debe ás diversas accións promocionais levadas a cabo nos últimos anos. “O Consello Regulador está a investir na promoción en Xapón. O ano pasado organizamos un seminario en Nagoya, e ano anterior fíxose unha promoción Kioto e Osaka. Estamos a expandir a promoción noutras cuidades”, afirmou Chieko Konagaya.

Os froitos desas promocións “xa se están vendo e así se poden ver nos datos de exportación, que subiu nos últimos anos”, asegurou a analista. De feito, as exportacións de viños de Rías Baixas practicamente triplicáronse entre 2006 e 2014, pasando de 33.817,50 a 94.642,50 litros. 

No que aos dous últimos anos refírese, rexistráronse un incremento do 33% nas exportacións ao país nipón. En 2012 exportáronse un total de 71.084,50 litros, mentres que en 2013 aumentou até os 76.726. O salto máis considerable rexistrouse o pasado ano sumando case 20.000 litros máis exportados.

Participantes na misión inversa

O grupo de cinco prescriptores xaponeses conta coa presenza de Manabu Saito, que é o encargado de vendas de viños e licores da empresa Tokyu Department Store Co. Ademais, é un catador acreditado pola Asociación de Catadoras de Xapón.

Tamén certificado pola Asociación de Catadoras xaponesa atópase Harue Shirahama, cuxa profesionalidade está certificada pola Associazione Italiana Sommeliers. Traballa no departamento de vendas de Takashimaya Department Store Co.

Yui Higashikoba exerce como asistente de compras de viño no departamento de produto. Traballa para a empresa Mistukoshi Isetan Department Store Co.

Do mundo da docencia procede Chisako Morimoto, tamén profesional da Asociación de Catadoras de Xapón. É docente na Academy du vin, o centro de formación de viños máis famoso do país nipón.

Complétase esta misión inversa coa analista do mercado da alimentación e agricultura Chieko Konagaya. Desenvolve o seu labor profesional na oficina económica e comercial da Embaixada de España en Tokio.

15 de setembro de 2015 | 17:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.