Os tractores quedan aparcados nas principais vías de Santiago ata o xoves
Gandeiros que participaron na multitudinaria tractorada que tivo lugar este luns en Santiago decidiron, nunha asemblea celebrada no medio da Avenida de Lugo -que se atopa totalmente bloqueada en ambas as dúas direccións-, manter os seus tractores aparcados en vías principais da cidade polo menos ata o xoves.
Nunha asemblea na que tomaron a palabra diversos representantes da Plataforma Galega en Defensa do Sector Lácteo decidiuse que os tractores continúen nas rúas nas que se atopan, como O Hórreo, Romero Donallo ou a Avenida de Lugo. Iso si, negociarán co Concello de Santiago deixar un carril libre para o paso, por exemplo, das ambulancias.
Malia o acordo, na reunión vivíronse momentos de tensión. Un deles tivo lugar durante a intervención do secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, que foi increpado por algúns dos presentes mentres outros reclamaban a berros ‘unidade’.
Aínda que a asemblea, que arrancou sobre as 20,00 horas, aínda non finalizou máis dunha hora despois, os gandeiros expresaron a súa vontade de permanecer na capital galega ata que obteñan unha solución para os baixos prezos do seu leite e ata que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acceda a reunirse con representantes da plataforma.
MOBILIZACIÓNS
Así as cousas, o calendario de mobilizacións manterase ao longo da semana, con protestas en centros comerciais durante o martes; e continuará o mércores co rodeo en tractores da Xunta de Galicia, ata que Feijóo se entreviste con eles.
Tras un mes de agosto marcado por tractoradas en diferentes localidades leiteiras galegas como Santa Comba ou Vilalba, o xoves haberá tamén unha manifestación a pé dende a Alameda de Santiago, que culminará de novo ante a sede do Goberno galego. “Non nos moveremos de Compostela ata conseguir un prezo digno polo noso traballo”, advertiu un dos gandeiros na asemblea deste luns.











