Os traballadores de xardíns de Vigo interrompen o pleno

Protesta dos traballadores durante o pleno
Varias decenas de traballadores da concesionaria encargada da limpeza e mantemento dos xardíns de Vigo interromperon este luns o pleno para esixir “igual salario a igual traballo”, e para denunciar a “discriminación” que sofren algúns dos traballadores subrogados dende que a empresa Althenia se fixo cargo do servizo (antes en mans de Cespa).
Os empregados desta concesionaria denuncian que, cando Althenia se fixo coa adxudicación, unha decena de empregados de xardíns de Balaídos e das zonas forestais quedaron fóra do convenio, e, a pesar de que todos os servizos de xardíns se unificaron, os seus ingresos salariais son duns 6.000 euros anuais inferiores aos do resto dos seus compañeiros.
Na sesión ordinaria do pleno deste luns, un grupo de traballadores e delegados sindicais interrompeu as intervencións dos concelleiros ao berro desta “concesión ule a corrupción”, “igual traballo, igual salario”, “Concello culpable, Althenia responsable”, “cua, cua, cua” (en alusión á Operación Patos).
O alcalde, Abel Caballero, tivo que suspender durante 10 minutos a sesión cando estaba a falar o concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, para explicar o informe trimestral sobre o pagamento a provedores.
Ademais dos traballadores que protestaban no salón de plenos, un grupo de operarios concentrouse ás portas do concello, na Praza do Rei, con bucinas, petardos e asubíos para esixir unha “solución” ao problema do equipo.











