Os técnicos municipais de Lalín desmenten que as gradas do ‘Manuel Anxo Cortizo’ teñan aluminose

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

As gradas do ‘Manuel Anxo Cortizo’ non están afectadas pola aluminose, tal e como afirmou no pleno do pasado mes de agosto o portavoz do PP. Nesa sesión José Crespo aludiu a supostos informes de técnicos externos ao Concello para sustentar a unha diagnose que foi, ademais, o seu principal argumento para insistir na necesidade de construír un campo de rugby a carón do Lalín Arena. Agora un informe elaborado polo arquitecto municipal de Lalín vén a refutar estas declaracións, xa que nas conclusións dese estudo afírmase rotundamente que o que afecta ás gradas e aos piares do ‘Manuel Anxo Cortizo’ é un problema de oxidación, que se debe a formación de gretas nalgún caso e, noutros, a un deficiente recubrimento do formigón sobre o ferro.

Segundo os técnicos, estas deficiencias son facilmente tratables. Os procedementos para darlle solución pasan por actuacións directas no propio metal, realizando unha retirada do óxido mediante cepillados, así como mediante a aplicación de pinturas especiais e a rexeneración do formigón mediante o emprego de morteiros con resinas para fortalecer a zona tratada.

A este informe municipal súmase a opinión do arquitecto Pablo Fernández, quen tampouco considera que as gradas do Manuel Anxo Cortizo estean afectadas pola aluminose. Fernández tamén concorda en que os problemas detectados son “perfectamente solventables”. 

Deste xeito, o informe actual dálle luz verde de forma definitiva á creación dunha oficina para o Club Deportivo Lalín no baixo da grada. O concelleiro de Deporte, Miguel Medela, indicou que “ningún concelleiro debería utilizar un pleno municipal para crear alarma social cousas que non están avaladas por un informe técnico”. Engade que “tal e como considerabamos dende un principio, á bancada do Cortizo quédanlle moitos anos de uso, polo que é importante tratar de aproveitala con proxectos como o plantexado”. 

O proxecto para a construción dun local asignado ao C.D Lalín leva parella a creación dunha pista de atletismo nun dos laterais inutilizados do Lalín Arena.

8 de setembro de 2015 | 18:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.