publicidade hoxe

Os técnicos municipais avanzan que o PXOM de Carballo está visto para sentenza

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

Arredor de cinco horas ininterrompidas durou a xuntanza que responsables da Oficina Técnica do Concello co Arquitecto municipal, Alfredo Garrote, á cabeza, veñen de manter na Secretaría Xeral de Urbanismo para realizar os cambios necesarios que permitan adaptar o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) ás directrices da Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas emitida o 2 de xullo sobre a aprobación definitiva do planeamento. O propio Garrote afirma que, despois desta segunda xuntanza cos técnicos da Xunta, o PXOM está “visto para sentenza” á espera da incorporación das especificacións da citada Orde e despois de dúas xuntanzas nas que se concretaron todas as modificacións esixidas pola Consellería. Esta segunda reunión, celebrada despois dunha celebrada no mes de agosto, centrouse nun exame “exhaustivo”, segundo explica Garrote, da situación dos núcleos rurais que foron revisados un por un e parcela por parcela, con especial atención á zona litoral.

A maioría das modificacións afectaron a parcelas incluídas en zona de fluxo preferente ou afectadas pola Rede Natura e que foran incluídas no período de revisión de alegacións. Os técnicos do Concello subliñan que foi unha xuntanza “intensiva” e “exitosa dende o punto de vista técnico” en verbas de Garrote, que asegura que houbo un bo entendemento no que respecta aos aspectos técnicos revisados. Agora o seguinte paso é convocar unha Comisión informativa de urbanismo que terá lugar o martes 8 de setembro e na que se dará conta a todos os grupos da corporación dos pormenores da xuntanza celebrada hoxe.

Posteriormente, convocarase unha nova comisión de urbanismo como paso previo á aprobación por parte do pleno da corporación do documento final, e os técnicos esperan que este sexa o paso definitivo e que xa non quede ningún outro aspecto que requira corrección ou modificación dado o acordo reflectido nas xuntanzas celebradas cos técnicos da Xunta. Unha vez que o PXOM reciba no pleno unha nova aprobación provisional, será a Xunta a que teña a última palabra para a esperada e consensuada aprobación definitiva.

2 de setembro de 2015 | 19:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.