Os sindicatos estudan acudir aos tribunais contra a concesionaria do Chuvi

Rolda de prensa dos sindicatos do Chuvi
Os sindicatos da Xunta de Persoal do Chuvi denunciaron este martes que a concesionaria do novo hospital de Vigo “non responde as deficiencias detectadas no centro, dous meses despois do inicio de actividade no mesmo, e que debe ser o Sergas o que lle esixa o cumprimento dos niveis adecuados de calidade, algo que non fai, polo que non descartan ter que acudir á vía xudicial.
Nunha rolda de prensa, o presidente da Xunta de Persoal, Ángel Cameselle (CC.OO.), sinalou que “sorprende darse conta de que quen manda aquí non é o Sergas, senón a concesionaria, que nunca está para dar respostas e explicacións”.
Nesa liña, o portavoz de CESM-Omega, Manuel Nieto, denunciou que “a concesionaria non responde, e é o Sergas o que ten que esixirlle explicacións, porque este hospital vai custar moito diñeiro a todos”. Así mesmo, denunciou o “grave escurantismo” en todo o que respecta ás deficiencias no Álvaro Cunqueiro, e a paralización do traslado por falta de garantías na calidade do aire en zonas críticas, como quirófanos, UCI ou reanimación.
Así as cousas, Cameselle sinalou que “existe a posibilidade de denunciar isto na Fiscalía” e que probablemente así o faga a Xunta de Persoal, unha decisión que, en todo caso, aínda non se tomou.
DEFICIENCIAS E ADIAMENTO DO TRASLADO
A representante de SAGAP, Marisa Velicia, relatou algunhas das deficiencias consignadas por traballadores e pacientes, como a caída do falso teito, a inestabilidade de andeis e elementos de suxeción fixados nas paredes, a pegada dos roedores nalgunhas zonas, tubaxes que rompen, instalacións inadecuadas na zona de endoscopias ou farmacia, etc. “Isto non se denuncia por unha cuestión de oportunismo. Se non lles gusta que haxa rumores, que dean a cara e expliquen que está a pasar”, sentenciou.
Sobre os motivos que obrigaron a suspender o traslado de pacientes, os sindicatos insisten en que non recibiron ningunha información, e que a súa petición de que se convocase o Comité de Saúde Laboral foi respondida por parte do xerente cunha negativa porque “segundo el, non é urxente”.
Con todo, María Xosé Rodríguez, da CIG, advertiu de que se se paraliza o traslado é porque algo grave está a pasar, porque había un cronograma que querían cumprir escrupulosamente”. “Trátase de tapar todo, de ocultar a información, e iso fainos sospeitar que está a pasar o peor”, afirmou, á vez que lamentou que o novo hospital “cae a anacos e é inaceptable que o Sergas o consinta”.
A todo isto sumar, segundo a Xunta de Persoal, que os pacientes non teñen facilidades para presentar escritos de reclamación, xa que apenas hai instancias de papel, e promoveuse un sistema de queixas por vía telemática que non é accesible a todos os usuarios.
Finalmente, a Xunta de Persoal fixo un chamamento á cidadanía para que a manifestación do 3 de setembro, que sairá ás 20.00 horas do hospital Xeral, sexa “masiva”. “Hai argumentos dabondo para saír á rúa a defender a sanidade pública”, defenderon.
DENUNCIA ANTE A COMISIÓN EUROPEA
Pola súa banda, a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública anunciou que este martes remitirá por correo unha denuncia á Comisión Europea “por presunto incumprimento do Dereito Comunitario do Reino de España, na persoa do goberno da Xunta de Galicia, en relación á licitación da concesión administrativa do novo hospital de Vigo”.
Nesa denuncia, sinalaron, ínstase á “administración incumplidora” a resolver a concesión e proceder á súa rescata á empresa concesionaria.











