publicidade hoxe

Os sete cativos saharauís acollidos en Carballo regresan aos seus fogares

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+
Despedida dos cativos

Despedida dos cativos

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañado da Concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, así como doutros membros da corporación, vén de recibir na Alcaldía a un grupo de sete nenas e nenos do Sáhara Occidental que veñen de pasar o verán con familias de acollida en Carballo dentro do programa “Vacacións en paz” e a través dun convenio coa ONG Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SGPS). Dende o 7 de xullo están na vila, gozando especialmente da praia e das boas temperaturas, xa que nos seus lugares de orixe os meses de xullo e agosto as temperaturas poden acadar os 50º.

O responsable de SGPS quixo agradecerlle tanto ao Concello como ás familias a súa colaboración desinteresada, que fixo posible a estadía dos cativos e cativas. Tanto Ferrero como Ures tamén quixeron amosar o seu agradecemento, nomeadamente ás persoas das casas de acollemento, e o Alcalde tamén quixo lembrar a situación de ocupación que vive o Sáhara Occidental, que fai que o programa “Vacacións en paz” sexa aínda máis importante. Desexou, así mesmo, que imaxes como as dos refuxiados e refuxiadas recollidas estes días nos medios de comunicación con motivo da situación de Siria deixen de repetirse e se tomen as medidas necesarias para conseguilo. Antes da foto de familia, os nenos e nenas recibiron un pequeno agasallo por parte do Concello, consistente en material escolar, coa arela, expresou o Alcalde, “de que cando esteades nos vosos fogares vos lembredes algo de nós”.

A través do programa “Vacacións en paz”, os concellos seleccionan as casas de acollida entre quen o solicite a través do departamento de Servizos Sociais e abonan o billete de ida e volta dende Tindouf (Alxeria) a Santiago de Compostela, así como o traslado dende o aeroporto e o seguro de responsabilidade civil, colectivo e de repatriación de tres dos cativos e cativas. “Vacacións en paz” preséntase nun marco de solidariedade e axuda desinteresada co fin de propiciarlles unha estadía agradable e humanamente rica aos nenos e nenas saharauís. Trátase, xa que logo, de ofrecerlles a estas nenas e nenos nados no medio dun clima de guerra e sometidos ás súas dúbidas, unha posibilidade de coñecer formas distintas de vida, de maneira que iso contribúa, non so na súa formación, senón tamén a mellorar e potenciar a comunicación e o entendemento co Pobo Saharauí.

4 de setembro de 2015 | 18:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.