Os servizos de emerxencia permanecen en alerta ante o primeiro temporal de choiva da tempada
O Concello de Pontevedra ten activo – desde as oito da mañá até a media noite de hoxe- un operativo especial de emerxencia por alerta laranxa ante a previsión de fortes choivas, que poden superar os 80 litros.
Os servizos municipais de emerxencia agardan -de acordo coa información facilitada por MeteoGalicia- as precipitacións máis intensas e polo tanto os maiores problemas para as 16.00-17-00 horas e que a partir das 21.00-22.00 horas o temporal amaine.
O operativo para afrontar calquera incidencia está listo, nel participan Bombeiros, Policía Local, Protección Civil, as concesionarias dos servizos municipais de limpeza (Cespa) e agua (Viacqua), os servizos técnicos municipais así como empresas colaboradoras para dotar ao Concello daquela maquinaria ou elementos de sinalización dos non dispón .
O Concello de Pontevedra fai un chamamento aos cidadáns para que sexan prudentes á hora de saír ou de conducir ante unha xornada que se prevé complicada pola choiva pero tamén polas rachas de vento.











