Os sabores de oriente chegan á aula de cociña do Centro Comercial Arousa
A aula de Cociña do Centro Comercial Arousa dedicará o mes de outubro aos Sabores de Oriente, un novo ciclo de talleres culinarios nos que os asistentes descubrirán o exotismo da cultura gastronómica de países como India, Xapón ou Blangladés a través dos seus ingredientes e receitas máis emblemáticos.
Os talleres, de carácter gratuíto e semanal, celebraranse todos os xoves do mes ás 19:30 h., e estarán impartidos por un equipo de expertos cociñeiros integrado por Miguel Mosteiro, Daniel Portillo, Fran Sotelino, Óscar Vidal e Rocío Garrido, que elaborarán en cada ocasión un menú completo formado por un primeiro prato, un segundo e unha sobremesa típica de cada rexión.
O primeiro taller celebrarase mañá xoves día 1 e virará ao redor da cociña India. Elaborarase coliflor ao curri, un prato sinxelo, exótico e con garantías de éxito entre os comensais, no que a intensidade das especias contrasta coa suavidade da coliflor e o toque de leite de coco; onion pakora, consistente en verduras rebozadas cunha masa de fariña de garavanzo, de arroz e de trigo, ideal como aperitivo; e laddu con mel, un das sobremesas hindús máis populares, moi típico en celebracións familiares e sociais.
A este taller seguiranlle outros especializados en cociña bengalí (8 de outubro), xaponesa (15 de outubro) e chinesa (22 de outubro). Pechará o ciclo a vietnamita (29 de outubro).
O novo ciclo permitirá aos asistentes coñecer a diversidade culinaria existente no continente asiático, que pode presumir de gozar dunha das cociñas máis recoñecidas e recomendadas polos nutricionistas. A razón está nas características nutricionais das súas receitas, moi saudables e nas que abunda a presenza de verduras, legumes, peixes e arroces, e escasean as carnes, as graxas e os doces. Outro factor crave é o tipo de elaboración dos produtos, que normalmente se consumen salteados, guisados ou fervidos ao vapor, e en moi escasas ocasións, fritos. Nas súas receitas, tampouco poden faltar as salsas e as especies, que comparten protagonismo nos pratos e outórganlles ese sabor tan característico.











