Os profesionais da psicoloxía educativa fórmanse na abordaxe da ansiedade na infancia e adolescencia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

Máis de 40 profesionais da psicoloxía educativa asistirán este xoves 24 de setembro a un xornada sobre o afrontamento das crises de ansiedade entre o alumnado, organizada polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e que terá lugar na súa sede compostelá ás 17,30h. Deste xeito búscase capacitar aos psicólogos e psicólogas que traballan no ámbito da educación dos recursos e das estratexias máis apropiadas para facer fronte a unha crise de ansiedade, á vez que poidan xerar as habilidades precisas nos rapaces e rapazas para reducir o impacto de acontecementos estresantes.

A ansiedade é unha forma de estrés e unha reacción natural que pode afectar en calquera idade, tamén na infancia e na adolescencia, e que pode manifestarse fisicamente (con mareos, palpitacións, dificultade respiratoria…) ou emocionalmente. É unha función biolóxica importante, xa que actúa como un sistema de alarma que se activa ao percibir un perigo ou unha ameaza, pero se a súa manifestación é moi intensa e frecuente, pode interferir seriamente na vida da persoa afectada e derivar nun trastorno de ansiedade, un problema importante na poboación infanto-xuvenil.

Este trastorno de ansiedade entre os máis novos e novas pode estar na orixe de cambios importantes no rendemento e nos resultados académicos, na negativa en asistir á escola, nas dificultades de concentración e de atención, na imposibilidade de preparar ou de realizar un exame, entre outras. Coñecer os síntomas da crise de ansiedade para poder afrontala no caso de que se produza ou como prevención é fundamental para atallar as súas consecuencias.

A doutora en Psicoloxía e Licenciada en Pedagoxía Encarnación Sueiro Domínguez, será a encargada de ofrecer este relatorio, quen exerce como psicóloga clínica do SERGAS na área sanitaria de Ourense e é profesora na Facultade de Ciencias de Educación da Universidade de Vigo (Campus de Ourense). Esta actividade está organizada pola Sección de Psicoloxía Educativa do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e forma parte do calendario formativo que se ofrece ás persoas colexiadas co fin de favorecer a actualización de coñecementos e unha mellor capacitación dos psicólogos e psicólogas da nosa Comunidade. 

23 de setembro de 2015 | 13:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.