Os premios “Comercio con talento” distinguen a tenda Volvoreta en Tui

Entrega de diploma ás responsables do establecemento
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, entregou esta mañá ao establecemento tudense Volvoreta un dos premios do certame Comercio con talento, unha iniciativa da Consellería de Economía e Industria coa que se busca impulsar a innovación e o emprendemento no comercio galego ao tempo que se favorece o coñecemento e o contacto do alumnado de formación profesional co sector e a súa realidade, complementando así a súa formación.
Na iniciativa participaron alumnos dos ciclos formativos de grao medio de Comercio e do grao superior de Xestión comercial e márketing de toda Galicia, que propuxeron as candidaturas dos negocios que, ao seu xuízo, son os máis innovadores da súa zona. Un xurado especializado escolleu posteriormente aos diferentes negocios gañadores, e os alumnos que propuxeron a súa candidatura reciben premios para mercar no comercio local.
No caso de Volvoreta, foron propostos por un equipo de alumnos do Ciclo Superior en Xestión Comercial e Márketing do IES Indalecio Pérez Tizón de Tui: Sandra Martínez Rodríguez, Sara Fernández Pereira, María Bouzada Conde e Sara Diego Santiago.
Volvoreta naceu hai case cinco anos da man de Gloria e Patricia Estévez Trillo, sendo os zapatos, os accesorios e os complementos os produtos estrela desta tenda. Ademais deste establecemento situado no Cantón de Diómedes, e outro de moda xuvenil situada a poucos metros, estas dúas irmás abriron unha tenda no Porriño. Volvoreta conta con páxina web e está presente en diferentes redes sociais.
A posta en marcha de Comercio con talento, que conta coa colaboración de Abanca, enmárcase na estratexia de impulso ao sector comercial da Consellería de Economía e Industria, que ten en marcha o Plan Estratéxico de Impulso ao Comercio de Galicia 2015-2020. Esta folla de ruta, que suma 70 millóns en recursos públicos, busca incrementar nun 15 % os emprendedores que traballan no sector e triplicar a porcentaxe de establecementos que venden na internet, entre outros obxectivos.











