Os obradoiros para maiores arrancan cunha elevada demanda en Vilagarcía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

Os obradoiros para persoas maiores “Activa o teu corpo, Activa a túa mente” arrancaron a semana pasada cunha elevada demanda por parte dos usuarios. As 40 prazas que ofrecía o Concello cubríronse por completo e aínda quedaron varios solicitantes en lista de agarda. Dada a boa acollida do programa gratuíto que ten como obxectivo axudar a previr a dependencia, a Área de que Persoas Maiores xa anunciou que ampliará o número de prazas de cara a próxima edición.

Os obradoiros “Activa o corpo, activa a mente” están dirixidos a persoas de entre 55 e 70 anos. O obxectivo destas actividades é previr e atrasar a dependencia destas persoas e e mellorar a calidade de vida dos participantes a través dunha vida activa que prolongue a súa autonomía persoal. Dende a semana pasada e ata mediados de decembro os 40 asistentes realizarán actividades de adestramento físico e cognitivo un día semana nunha sesión de dúas horas de duración.

As actividades serán impartidas por profesionais da firma Sacendi que estruturou os obradoiros en tres fases. A primeira con actividades cognitivas, a segunda con actividades físicas e a última será unha fase dual que combinará ambos aspectos.

As terapias cognitivas son como o “ximnasio da memoria”. Con elas preténdese adestrar a memoria, a atención, o cálculo, a linguaxe, o razoamento ou as reminiscencias para que os usuarios manteñan a mente ben esperta. Neste bloque traballaranse aspectos como a concentración, a orientación, e a estimulación sensoria le usaranse ferramentas como a musicoterapia ou o uso das novas tecnoloxías.

Na fase de terapias físicas tratarase de manter o corpo en forma, exercitando e mellorando aspectos que contribúen na autonomía das persoas maiores, como a forza, resistencia, equilibrio ou flexibilidade; ademais de educar na prevención de lesións. Entre os puntos a tocar están a hixiene postural, fortalecemento do solo pélvico, reeducación da marcha prevención de caídas e de esteoporosis. E entre as ferramentas a usar botarase man da fisioterapia respiratoria e da kinesiotaping.

Na terceira e última fase do programa, a de terapias duais, farase un enfoque integral para combinar o traballo cognitivo coas áreas física e emocional. Neste tramo, a actividade enfocarase dende o punto de vista lúdico e relacional co obxectivo de potenciar as capacidades funcionais e emocionar das persoas, permitíndolles deste xeito acadar o pleno benestar. Nesta etapa traballarase a auto estima e farase risoterapia, acupuntura, reiki, square- step e ramachandran.

21 de setembro de 2015 | 12:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.