Os maiores de Vilagarcía usarán as novas tecnoloxías, a acupuntura, o reiki e a fisioterapia respiratoria para manter activos corpo e mente
A Área de Persoas Maiores organiza unha nova edición dos obradoiros “Activa o corpo, activa a mente” co obxectivo dirixido a vilagarciáns de idades comprendidas entre os 55 e os 70 anos co obxectivo de previr a dependencia e mellorar a calidade de vida dos participantes a través dunha vida activa que prolongue a súa autonomía persoal. Haberá actividades de adestramento físico e cognitivo que se impartirán dende mediados de setembro a mediados de decembro. Os interesados xa poden inscribirse.
A Área de Persoas maiores oferta un total de 40 prazas para esta nova edición dos obradoiros “Activa o teu corpo, activa a túa mente”. O prazo de inscrición abriuse o luns, 8 de setembro e remata o día 17 deste mesmo mes, xa que está previsto que as actividades comecen xa o día 18.
Persoal técnico cualificado do grupo Sacendi será o encargado de impartir e desenvolver os obradoiros que se celebrarán un día a semana en sesións de dúas horas de duración. Habilitaranse dous grupos de 20 persoas cada un para traballar con máis comodidade. O programa desenvolverase a partir todos os venres, a partir do 18 de setembro e ata o 18 de decembro, con horario de 16 a 18 para un grupo e de 18 a 20 para outro.
Para esta nova edición, Sacendi deseñou un programa a realizar en tres fases. A primeira con actividades cognitivas, a segunda con actividades físicas e a última será unha fase dual que combinará ambos aspectos.
As terapias cognitivas son como o “ximnasio da memoria”. Con elas preténdese adestrar a memoria, a atención, o cálculo, a linguaxe, o razoamento ou as reminiscencias para que os usuarios manteñan a mente ben esperta. Neste bloque traballaranse aspectos como a concentración, a orientación, e a estimulación sensoria le usaranse ferramentas como a musicoterapia ou o uso das novas tecnoloxías.
Na fase de terapias físicas tratarase de manter o corpo en forma, exercitando e mellorando aspectos que contribúen na autonomía das persoas maiores, como a forza, resistencia, equilibrio ou flexibilidade; ademais de educar na prevención de lesións. Entre os puntos a tocar están a hixiene postural, fortalecemento do solo pélvico, reeducación da marcha prevención de caídas e de esteoporosis. E entre as ferramentas a usar botarase man da fisioterapia respiratoria e da kinesiotaping.
Na terceira e última fase do programa, a de terapias duais, farase un enfoque integral para combinar o traballo cognitivo coas áreas física e emocional. Neste tramo, a actividade enfocarase dende o punto de vista lúdico e relacional co obxectivo de potenciar as capacidades funcionais e emocionar das persoas, permitíndolles deste xeito acadar o pleno benestar. Nesta etapa traballarase a auto estima e farase risoterapia, acupuntura, reiki, square- step e ramachandran.











