Os gandeiros permiten a saída de cinco camións de DIA con mercadoría pero sen leite
Cinco camións de DIA comezan a facer o seu servizo cargados con mercadoría pero coa condición de non transportar leite nin derivados lácteos, segundo informa a compañía a través dun comunicado. Tras catro días de bloqueo “ilegal”, segundo censura, por parte dos gandeiros ao almacén en Santiago, en Mercagalicia, DIA insiste na necesidade “urxente” de “restaurar o normal funcionamento da súa actividade” e explica que os seus traballadores volverán aos seus postos de traballo no momento no que “se desbloquee de forma definitiva a situación”.
“A día de hoxe, todos os traballadores teñen garantida a súa retribución fixa”, segundo asegura. Neste sentido, e debido aos “graves problemas que esta situación causou aos franquiciados galegos de DIA”, a compañía decidiu apoialos cun “financiamento especial duns 1,5 millóns de euros co obxectivo de poñer ao día o stock das súas tendas, seriamente minguado e danado polo bloqueo”.
CONTRA CALQUERA “ACCIÓN VIOLENTA”
DIA agradece tamén aos seus franquiciados a confianza que tiveron na compañía e mostra o seu apoio publicamente aos que considera parte fundamental do seu negocio.
Por último, censura calquera “acción violenta que coarte as liberdades e dereitos fundamentais dos cidadáns”.











