Os gandeiros de Lugo manterán os tractores na cidade en mostra da súa desconformidade coa reunión de Madrid

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugo
A-
A+
Europa Press

Os representantes municipais dos gandeiros de Lugo que se desvincularon dos sindicatos decidiron este xoves en asemblea manter os tractores na Rolda da Muralla, por estar desconformes co resultado da reunión en Madrid entre a ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, produción, industria e distribución.

Así, segundo determinaron os produtores lácteos, non deixarán as mobilizacións ata que haxa un compromiso da industria e a distribución por escrito.

“Que si, que si, que si, pero de asinar, que non que non, entón hai industrias e distribucións que están plenamente de acordo pero non asinaron e hai xente que ten dúbidas e teno que pensar”, sinalou o portavoz dos gandeiros, Roberto López, nunha asemblea popular ante centos de gandeiros na Praza do Ferrol de Lugo.

En tanto que o martes celebrarase unha nova reunión en Madrid, os gandeiros de Lugo anunciaron que quedan en Lugo, “se hai que esperar” até ese día.

López explicou que como non se queren “precipitar e dar pasos mal dados, esta noite quedan tractores” e volveranse a reunir, ás 23,00 horas, os representantes dos concellos. “Transmitirásevos o que se decide vía mensaxe”, trasladou.

Así mesmo, avanzou que solicitaron este mércores “facer unha visita a certos sitios” e ironizou con “que non fai falta que diga que sitios poden ser”. “Así que, que saiban que van ter a nosa visita”, apuntou, en alusión a determinadas cadeas de distribución.

Por outra banda, López desmentiu que os gandeiros de Lugo vaian asociarse coa organización de produtores (OPL) de Santa Comba (A Coruña). “Se algún día o facemos, xuntarémonos todos e decidiremos; agora estamos en comunicación con eles porque son gandeiros como nós e imos manter as medidas de presión”, resolveu.

10 de setembro de 2015 | 19:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.