Os gandeiros concentrados en Santiago acordan recruar as súas accións para aumentar a presión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press
Gandeiros en Santiago

Gandeiros en Santiago

Os gandeiros que protestaron toda a semana en Santiago de Compostela acordaron, nunha asemblea celebrada a partir das 13,00 horas na Avenida de Lugo da capital galega, incrementar as protestas para conseguir prezos sostibles polo leite. Entre estas medidas, prevese unha folga de entregas na que se bloquearán cisternas en estradas, o bloqueo da planta de distribución de Vegalsa en Sigüeiro, ao que seguirá acudir a paralizar as industrias.

Aínda que na asemblea nocturna do xoves se avogou por un bloqueo da industria láctea, na reunión deste venres houbo discrepancias entre tres formas de actuar.

Así, a primeira proposta foi a de sacar os tractores de Santiago e levalos a bloquear industrias; a segunda sensibilidade apostou por unha folga de entregas, deixando os tractores en Santiago; e a terceira visión foi a de tomar medidas principalmente contra a distribución.

Deste xeito, intentouse chegar a unha opción de consenso na que se prevé como medidas máis inmediatas a partir da tarde deste venres comezar unha folga de entregas, unida ao bloqueo de Vegalsa, para posteriormente, acudir a paralizar industrias, segundo resumiu aos medios Alberto Lamazares, gandeiro de Rodeiro.

CALENDARIO MOBILIZACIÓNS

Polo momento, seguirán cos tractores en Santiago, aínda que se irá dispoñendo deles na medida de que as protestas o requiran.

Con todo, o grao de improvisación que os gandeiros están a seguir para tomar medidas e as discrepancias existentes fai que non se descarte que o calendario de mobilizacións poida ser variado.

Noutra orde de cousas, un dos voceiros da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo, Anxo Escariz, referiuse ao bloqueo existente na planta loxística de DIA en MercaGalicia para afirmar que, se a compañía deixa de tomar medidas represivas contra os traballadores, se abrirán a suavizar a protesta neste lugar.

11 de setembro de 2015 | 16:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.