Os gandeiros cercan todo o edificio da Xunta en San Caetano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

Decenas de tractores chegaron ata o complexo administrativo da Xunta, en San Caetano, pasadas as 19,20 horas. Os vehículos intentaron acceder á explanada situada fronte á porta principal do edificio, na rúa Otero Pedrayo, e decenas de policías a pé colocáronse fronte ás máquinas para impedilo. Nese momento, os vehículos agrarios fixeron soar as súas bucinas e lanzaron petardos, antes de que varios gandeiros se achegasen a negociar cos axentes despregados na zona.

A maior tensión produciuse cando un policía subiu a un tractor con remolque e deu un manotazo no ombro ao seu condutor, o que ocasionou os berros de decenas de gandeiros que se achegaron ao lugar. Posteriormente, o dono dese vehículo, Andrés, explicou que o axente lle acusou de “pisarlle o pé” cunha roda, algo que descoñece se aconteceu, pero que, en todo caso, foi totalmente fortuíto. E, preguntado polo manotazo que recibiu do policía, respondeu: “O golpe é o de menos, o malo é o prezo do leite”.

CERCO Á XUNTA

Máis alá deste feito puntual, practicamente ás 20,00 horas os tractores rodeaban xa a sede da Xunta chegados de distintos puntos da cidade. As únicas excepcións a ese cerco foron a avenida Rodríguez de Viguri e a parte final da rúa de San Caetano.

Aínda que nun primeiro momento os tractores pediran situarse na explanada ante a porta principal do edificio, na rúa Otero Pedrayo, tras negociar cos axentes accederon a ocupar un dos carrís da rúa de San Caetano.

No seu tránsito ata este punto procedentes doutras zonas da cidade e, concretamente, ao seu paso pola Praza de Galicia, os gandeiros recibiron os aplausos de varios compostelanos. Entre os presentes en San Caetano atopábase, entre outros, o alcalde de Mazaricos (A Coruña), Juan José Blanco (BNG), moi activo na protesta.

8 de setembro de 2015 | 20:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.