Os empresarios de Mos reducirán as súas facturas de luz e gas
Un tratamento diferencial con condicións competitivas de contratación de enerxía eléctrica e gas e outros produtos e servizos relacionados coa eficiencia enerxética é o resultado desprendido do acordo de colaboración asinado entre a Asociación de Empresarios de Mos (Aemos) e a empresa Iberdrola Clientes SAU.
O obxectivo e alcance da iniciativa, que se repite do mesmo xeito que xa se fixo con outras entidades sempre coa finalidade de buscar os máximos beneficios e optimización de recursos do tecido industrial mosense, define un tratamento diferencial para os asociados de Aemos conforme á situación dos mercados enerxéticos o que supón unha análise pormenorizada e un estudo de optimización de prezos para cada subministración, o compromiso de ofertar un prezo preferente individualizado a cada asociado e un asesoramento gratuíto para a optimización dos seus consumos co fin de obter unha redución económica nas súas facturas.
O presidente de Aemos, José Mañas, asegura que “este acordo non son máis que vantaxes e beneficios para todos os asociados, a optimización de recursos e o aforro económico son as dúas máximas prioridades a día de hoxe en calquera empresa”. Mañas rubricou o convenio xunto con Ignacio Vázquez, en representación de Iberdrola.
Outros produtos e servizos complementarios ofrecidos por Iberdrola aos asociados de Aemos tras a firma do acordo son: estudar a mellora das condicións económicas mediante a optimización das potencias contratadas co fin de poder optar pola tarifa de acceso a redes máis rendible a cada caso, a gratuidade dos servizos da oficina virtual, facilitar a enerxía verde, unha cota fixa, a factura electrónica, un servizo de asistencia e de protección, estudos e compensación de enerxía reactiva e servizo de mantemento de gas, entre outros.
Todas estas vantaxes son para subministracións eléctricas en media e baixa tensión, non obstante os de alta tensión terán un tratamento individualizado e as condicións comerciais pactaranse de maneira individual, tanto en prezo de enerxía como en produtos e servizos asociados.











