Os directores galegos achegaranse ata Bueu para presentar as súas obras no Festival de Curtas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueu
A-
A+

O director galego afincado en Londres Álvaro Gago achegarase hoxe ata Bueu para presentar o filme ‘Curricán’ que este serán abre a segunda xornada do FICBUEU 2015. Tamén mañá o realizador Luís Avilés falará no Centro Social do Mar sobre a súa obra a concurso, ‘Unary’. O venres está pevisto contar con José Antonio Blanco, director do thriller ‘Véndese’. Son tres das cinco curtas que concorren á sección galega posta en marcha este ano no 8º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu.

A cinta ‘Ser e voltar’, do lucense Xacio Baño, deu comezo onte ao primeiro día de proxeccións, no que tanto o pase das 20 horas coma o das 22 horas estiveron ateigados. Unhas 500 persoas gozaron así de títulos como ‘Dinola’, ‘Starman’ ou ‘The Baby’, aínda que a curta mellor valorada pola audiencia foi a alemá ‘Alles Wird Gut’ (‘Todo irá ben’), que se desenvolve na xornada en que un pai divorciado vai recoller a súa filla.

Esta noite, despois de ‘Curricán’, será a quenda doutra fita xermana ‘Die Kunst des Verlierens’ (‘A arte de perder’), de David Voss, para dar paso logo á temática da emigración en ‘Aïssa’, do realizador francés Clément Tréhin-Lalanne. A coprodución francotunesina ‘Pére’, de Lofti Achour, e o documental ‘Elena Asins – Génesis’ sobre esta artista, do director español Álvaro Giménez, completan o programa canda ‘97%’, unha comedia holandesa dirixida por Ben Brand e protagonizada por Bert Hana, quen en 2012 estivo en Bueu con motivo doutra curta.

Alén de ‘Unary’, mañá visionaranse ‘Komm Und Spiel’ (Alemaña), de Daria Belova, e ‘James’ (Reino Unido), da realizadora Claire Oakley. ‘Listen’ (Dinamarca/Finlandia), codirixida por Hamy Ramezan e Rungand Nyoni, e mais ‘The Chicken’, de Una Gunjak, pecharán a xornada. Ao remate de cada sesión, o público ten a oportunidade de fotografarse no photocall. Os ‘posados’ coa figura envolta en película de cine que este ano centra a imaxe do certame están a ter un grande éxito, tal e como se pode comprobar nos álbums pendurados nas redes sociais.

Atención á discapacidade

A organización lembra que as persoas con mobilidade reducida ou con algunha discapacidade que lles impida facer cola para asistir ás proxeccións poden contar cunha butaca dispoñible no Centro Social do Mar. Quen se atope nesta situación deberá comunicalo preferiblemente enviando con antelación un correo electrónico a info@ficbueu.com ou no teléfono 669 830 773.

8 de setembro de 2015 | 12:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.