publicidade hoxe

Os concellos da ría esixen ao Goberno que non decida sobre Ence antes das xerais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueuLocal PortadaMarínPoioPontevedraPontevedraSanxenxo
A-
A+

opinión dos rexedores dos concellos da ría de Pontevedra sobre a continuidade de Ence e Elnosa en Lourizán máis alá do ano 2018. A alcaldesa de Marín, María Ramallo, do PP, falara pola mañá con Lores para explicarlle que non lle apetecía comparecer como a posíbel única voz discordante xa que, na liña do seu partido, aposta pola permanencia do complexo industrial, que ademais está moi ligado a actividade do Porto.

Á cita acudiron o alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita, do SAL e o concelleiro de Facenda de Poio, Xulio Barreiro. Pola súa banda o alcalde de Bueu, Félix Juncal, desculpou a súa ausencia aínda que reiterou o posicionamento compartido co Goberno local a prol do traslado de Ence e Elnosa e pola recuperación da ría.

A reunión serviu para marcar as claves dun discurso e unha acción política e institucional dirixida a, cando menos, aprazar a toma dunha decisión esencial para o futuro da ría: a prórroga da concesión dos terreos de Lourizán que está en mans do Goberno do Estado. “Non nos parece de recibo que se tome unha decisión sobre a cuestión neste 2015, antes das eleccións” subliña o alcalde de Pontevedra quen lembra que “Ence ten prórroga até o 2018, non estamos nun momento inminente de peche da empresa e por elo é absolutamente coherente e razoable pedirlle, esixirlle ao Goberno do Estado que non tome unha decisión antes das elección xerais pois é unha decisión que vai a afectar a todo o mandato do novo Goberno”.

A modificación da Lei de Costas que abre a porta a prórroga das concesións industriais en dominio público marítimo-terrestre foi aprobada no Parlamento só cos votos do PP, ningún outro grupo político a apoiou.

Por outra banda a ofensiva institucional que lidera Miguel Fernández Lores esixe á Xunta de Galiza que “faga valer as súas competencias de ordenación do territorio” e impida a actividade industrial na ría. “Hai unhas directrices autonómicas que -se non dunha forma absolutamente tallante-, si avalan a recuperación do espazo marítimo terrestre” sinala o alcalde pontevedrés.

Se os dirixentes municipais de Pontevedra, Poio e Bueu teñen manifestado en reiteradas ocasións a súa defensa do traslado e denunciado o uso dos recursos lexislativos e administrativos por parte do PP, no Goberno do Estado e da Xunta, para garantir a permanencia de Ence en Lourizan, a postura do novo alcalde de Sanxenxo era una incógnita. Gonzalo Pita sinalou que acudir a cita era “una obriga institucional” e que o seu compromiso é levar ao Pleno municipal unha moción para debater un pronunciamento oficial sobre o tema. “Hai a intención dun partido (o PP) de tomar unha decisión ao final da lexislatura que non cremos razoable, que acabándose esta concesión no 2018 hai tempo para que o Goberno entrante tome esa decisión”.

Para Gonzalo Pita “decisións de tanto calado como o traslado ou non de Ence non se deben facer ao final dunha lexislatura se non ao principio; e a debe tomar un goberno entrante, non un saínte”.

O cumio municipal enmárcase na ronda de contactos que promove o Concello de Pontevedra co fin de pulsar a opinión de veciños, colectivos e institucións sobre o futuro de Ence. “A finais de mes reunirémonos todos para decidir unha folla de ruta para presionar o Goberno” co fin de que non prorrogue a vida de Ence e Elnosa en Lourizán.

3 de setembro de 2015 | 22:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.