publicidade hoxe

‘Os Bolechas na máquina do tempo’ retoman a súa xira dentro do programa ‘FalaRedes 2015’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarnotaMurosSoutomaior
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, retoma a partir desta fin de semana a actividade ‘Os Bolechas na máquina do tempo’, que no marco do programa de dinamización lingüística ‘FalaRedes 2015’ está a chegar desde o mes de marzo a 40 concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia para promover o uso do galego e a súa valoración positiva na infancia e no tempo de lecer. A proposta conta coa colaboración das deputacións provinciais da Coruña e de Pontevedra en concellos da súa competencia territorial.

Braulio, Carlos, Loli, Pili, Sonia e Tatá -canda o seu inseparable canciño Chispa- integran a familia animada máis coñecida de Galicia e son un referente positivo galegofalante para a xente miúda da casa. Os entrañables irmáns levarán o seu novo espectáculo de dinamización lingüística a tres concellos durante a fin de semana: mañá, sábado 5, en Soutomaior (ás 20:00 horas, no Multiúsos de Arcade); e o domingo 6, con dúas citas, a primeira delas en Carnota (ás 12:00 horas, no salón de actos da Casa do Concello) e a segunda en Muros (ás 18:00 horas, no auditorio do Centro Cultural e Xuvenil).

Os Bolechas levarán esta proposta, baixo xestión de Edicións Bolanda, a 28 novos concellos galegos ata finais de outubro ata completar a xira polos 40 concellos programados, todos eles pertencentes á RDL. O calendario completo da actividade pódese consultar en www.lingua.gal e tamén na Axenda da Cultura de Galicia.

Aventura no tempo

Logo de deixar atrás o Sabichón, os irmáns e o seu inseparable Chispa atoparán un aparello que os teletransportará ata o futuro converténdoos en adultos: a máquina do tempo. O doutor Apolodoro -o científico turuleque dono da máquina- levaraos a coñecer diferentes etapas da historia nunha viaxe temporal onde os Bolechas terán que valerse da inestimable axuda do público para regresaren ao presente e á infancia.

Os Bolechas na máquina do tempo é un espectáculo de monicreques manipulados por actores á vista no que se simulará unha aventura a través do tempo. Braulio mandará a Carlos e a Pili ao futuro na máquina do doutor Apolodoro, que se estraga e acabará por teletransportar os dous irmáns á Prehistoria… O enxeño e a habilidade do público serán claves para axudarlles aos Bolechas a regresar ao presente.
A actividade ten continuidade na aplicación web Os Bolechas na máquina do tempo, onde os cativos e cativas poden facer o seu propio diploma de viaxeiro no tempo e acceder a xogos e sorteos. Co aliciente de que os asistentes ao espectáculo coñecen en exclusiva unha palabra clave coa que poderán dobrar o premio do sorteo e acceder a dous lotes de libros dos Bolechas, no canto de un, en caso de resultaren premiados.
Braulio, Carlos, Pili, Loli, Sonia, Tatá e Chispa, pois Os Bolechas falan sempre na nosa lingua: nos libros, nos programas televisivos e nos espectáculos. Con isto quérese potenciar a identificación dos nenos e nenas asistentes cos seus protagonistas.

‘FalaRedes 2015’

A cuarta edición do programa de dinamización lingüística ‘FalaRedes’ continúa firme cos obxectivos de ofrecer propostas de lecer de calidade en galego para todas as idades e de promover, con elas, o uso e mais a valoración positiva da lingua galega.

Desde o mes de marzo e ata finais de ano, as actividades do ‘FalaRedes 2015’ percorren os concellos da RDL, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir na promoción do uso da lingua galega desde as administracións local e autonómica que conta con preto de 170 entidades adscritas. Nos tres primeiros anos de desenvolvemento do programa foron case 600 as actividades programadas no marco da RDL; todas elas, con grande acollida de participantes.

4 de setembro de 2015 | 13:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.