Os alcaldes que representan o 87% da poboación da Área Metropolitana urxen a modificación da lei

Reunión de Caballero co alcalde de Salceda
Tras unha entrevista co alcalde de Salceda, Abel Caballero fixo balance este xoves das reunións mantidas ata agora con rexedores que representan ao 87% da poboación da área metropolitana viguesa e subliñou que todos “compartimos ao 100% o modelo” e a necesidade urxente de reformar a lei existente para que poida funcionar e dotarse de competencias, como o transporte.
O alcalde de Vigo valorou positivamente a reunión mantida co seu homólogo de Salceda de Caselas, Marcos Besada. Caballero explicou que ambos comparten opinión sobre a Área Metropolitana e reclaman premura na moficación da lei para que poida funcionar, que ofreza servizos aos cidadáns e con competencias para o goberno metropolitano.
Tras ter celebrado entrevistas cos alcaldes e alcaldesas de Nigrán, Porriño, Tomiño, Fornelos, Gondomar, Tui, Cangas, Moaña e Salceda, Abel Caballero valorou que “todos compartimos ao 100% o modelo” de área metropolitana de Vigo, o modelo da lei de Barcelona, e a necesidade de que entre “de forma inmediata no Parlamento” de Galicia para a modificación da lei actual.
O alcalde de Vigo subliñou que este modelo é compartido polos representantes electos do 87% da poboación que conforma a área metropolitana viguesa, como consecuencia urxíu ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, un posicionamento ao respecto e levar ao Parlamento de Galicia a modificación da lei: “espero a resposta do señor Feijóo e con prontitude”, concluíu.











