Os alcaldes do BNG da Costa da Morte manterán xuntanzas periódicas para abordar cuestións de interese común
Os alcaldes do BNG da Costa da Morte iniciaron esta semana unha rolda de xuntanzas periódicas nas que abordarán cuestións de interese común e definirán estratexias conxuntas de actuación na comarca. No primeiro encontro, celebrado en Carballo,o rexedor local, EvencioFerrero, exerceu coma anfitrión dos seus homólogos de Vimianzo, Manuel Antelo; Mazaricos, Juan Blanco; Carnota, Ramón Noceda, e Zas, Manuel Muíño, que asistiu tamén en calidade de deputado provincial. Do mesmo xeito, ao encontro sumouse o seu compañeiro no goberno da Deputación e concelleiro carballés Xosé Regueira.
Nas últimas eleccións municipais o BNG reforzou a súa presenza na zona, onde ocupa cinco alcaldías, e converteuse no partido político con maior representación na Deputación Provincial da Coruña, cun deputado polo partido xudicial de Carballo e outro polo de Corcubión. A posta en valor dos concellos gobernados polo BNG como exemplos de boa xestión, a cohesión da Costa da Morte dende o punto de vista político e territorial, a posta en marcha de estratexias comúns que permitan atinar coas respostas que esixe a sociedade e a apertura dunha canle de comunicación permanente coa Deputación son os principais obxectivos dos gobernos nacionalistas da comarca, e nesa liña seguirán traballando en próximas xuntanzas.