Os albariños da D.O. Rías Baixas están de moda no Reino Unido

Misión inversa
“Os Albariños do D.O. Rías Baixas están de moda en Reino Unido”. Con estas palabras destacaron esta mañá os sete prescriptores anglosaxóns a importancia dos viños amparados por esta denominación de orixe no mercado británico. Graham Holter, Jeff Folks, Matt Ellis, Nigel Pound, Charlotte Brown, Sam Weber Brown, Tom I’Anson iniciaron hoxe o seu percorrido cunha cata de 16 viños no Pazo de Mugartegui.
Na cata tiveron a oportunidade de degustar varios Albariño 100%, así como outros plurivarietais pertencentes a diferentes subzonas. Todos estes viños inclúense dentro da campaña específica que se está desenvolvendo en Reino Unido.
Entre as súas primeiras impresións, os sete prescriptores anglosaxóns destacaron a calidade dos viños da Denominación de Orixe Rías Baixas. Tamén se mostraron sorprendidos coas diferenzas existentes entre os monovarietais procedentes de distintas subzonas.
Así mesmo, mostráronse moi interesados por participar nesta misión inversa. “Ao ser distribuidores independentes, os nosos clientes queren que lles expliquemos algo máis sobre o viño. Por iso, queremos coñecer a súa historia, os detalles sobre os viñedos e sobre a adega en que se elabora”, indicaron. Deste xeito, ofrécese “un valor engadido” aos clientes.
Sobre a importancia dos viños desta denominación de orixe no mercado anglosaxón indicaron que “cada día están máis de moda e xa ten o seu sitio no mercado. Incluso a xente se sente máis continental ao pronunciar a palabra Albariño”, chancearon. Se a tendencia no incremento do consumo segue á alza “os viños de Rías Baixas pódense situar como un referente en Reino Unido”, concluíron os sete profesionais.
A viaxe do grupo de prescriptores anglosaxóns comprenderá a visita a un total de oito adegas da denominación de orixe. Esta mesma mañá percorreron dúas delas na subzona de Condado de Tea, mentres que pola tarde trasladáronse a outra adega do Rosal. Para as dúas seguintes xornadas, os profesionais centraranse na subzona de Val do Salnés, onde poderán coñecer as instalacións e os viñedos de cinco adegas.
Reino Unido é o segundo mercado de exportación dos viños da Denominación de Orixe Rías Baixas, por iso é polo que desde o Consello Regulador se desenvolva unha campaña promocional específica para este país. No ano 2014 exportáronse un total de 735.659,75 litros, rexistrando un incremento con respecto a 2013, onde se venderon 695.862,25.
Participantes na misión inversa
O grupo de sete prescriptores anglosaxóns estará liderado polo editor da revista The Wine Merchant Magazine, Graham Holter. Trátase da primeira publicación especializada en comercio e que se dirixe unicamente a distribuidores de viño.
Representando ao establecemento delicatessen Dalling & Co, participará nesta misión inversa Jeff Folks. Este local, que tamén é distribuidor de viño, sitúase en Hertfordshire, un condado interior do suroeste de Inglaterra moi próximo a Londres.
Do sector empresarial vinícola tamén procede Matt Ellis, pertencente ao grupo The Smiling Grape Company. Trátase dunha distribuidora de viño, que conta con numerosos recoñecementos a nivel internacional pola calidade dos seus servizos aos clientes e polos seus produtos.
Tamén estará representada a empresa distribuidora de viño situada en Totnes (preto de Plymouth), Totnes Wine Co, cuxa filosofía se basea no seu coñecemento de primeira man da terroir, das adegas e dos viños que recomendan, e sempre baseados na máis alta calidade. O seu representante nesta misión inversa será Nigel Pound.
Charlotte Brown, unha das fundadoras da empresa Veu Vero, tamén visitará a próxima semana a Denominación de Orixe Rías Baixas. A súa é unha tenda -con sala de catas incluída- especializada na venda de viños de pequenos produtores. O seu establecemento, que tamén levou varios recoñecementos pola súa profesionalidade, sitúase en Leigh-on-Sea (na área sueste de Essex).
Desde o corazón da capital británica, acudirá a esta cita Sam Weber Brown, representante de Planet of the Grapes. Denomínanse a si mesmos como “o mellor distribuidor, restaurante e bar de viños de Londres”. Conta con tres establecementos na cidade. Na súa carta ofrecen ao redor de 300 referencias de viños e o seu menú, que cambia a diario, caracterízase pola exquisita mestura de pratos de estilos ingleses e europeos.
Completa esta misión inversa Tom I’Anson, un distribuidor independente e especializado en viños situado en Colesbourne, no interior de Inglaterra. O seu labor consiste en seleccionar persoalmente aqueles produtos da máis alta calidade e valor. Este establecemento, que leva o seu mesmo nome, tamén conta con tenda en liña e organiza catas e eventos relacionados co viño.











