Oito xóvenes voluntarios de Lalín recuperan a historia de vida dos maiores para ofrecerlles unha atención personalizada
Oito mozos e mozas de entre 18 e 30 anos están a desenvolver en Lalín o proxecto de voluntariado “Relato de Vida: lembrando pasado, construíndo futuro”, que ten por obxectivo principal coñecer a “historia de vida” das persoas maiores co fin de poder proporcionarlles unha atención integral máis personalizada.
A directora xeral de Xuventude e Voluntariado, Cecilia Vázquez, visitou hoxe esta iniciativa, que está coordinada pola Asociación para a protección dos anciáns de Lalín e comarca (APALC) e que suma un total de 480 xornadas de acción voluntaria.
A Xunta inviste 4.800 euros neste proxecto a través do Servizo de Voluntariado Xuvenil, un programa “pioneiro en toda España que conxuga os beneficios da acción voluntaria como a solidariedade, a sensibilización cos máis vulnerables, ou o compromiso coa sociedade, coa importancia que para os propios mozos e mozas ten participar nesta experiencia de educación non formal”, explicou Vázquez.
En total, ao abeiro desta iniciativa, este ano estanse a devolver na comarca do Deza un total de 5 proxectos no que participan 31 voluntarios. Ademais do coordinado por APALC, tamén participan o concello de Vila de Cruces, Protección Civil de Vila de Cruces, a Asociación de pais de persoas con discapacidade intelectual de Lalín e a Asociación de voluntarios Amencer.
En toda Galicia, o número de voluntarios ascende a un total de 830, que toman parte en 128 proxectos grazas a un investimento de 500.000 euros, un 13,5 por cento máis que o ano pasado.
As actividades prioritarias do Servizo de Voluntariado Xuvenil son a de recuperación da cultura, arte e tradicións populares; as actividades con colectivos en situación de risco, colectivos xuvenís ou relacionadas coa igualdade de xénero; os programas de voluntariado no ámbito familiar; e os de colaboración nos trazados xacobeos.
Os participantes nestas accións poderán solicitar unha certificación oficial da experiencia adquirida, que poderán engadir aos seus currículos. Galicia “tamén é pioneira” na certificación deste tipo de experiencia, unha das grandes novidades da Lei de Acción Voluntaria de Galicia, aprobada por unanimidade no Parlamento galego en novembro de 2011.











