Oito obradoiros artesáns participan na mostra de Artesanía de Galicia no Festival da luz
O Festival da luz, que celebra a súa cuarta edición ata o domingo en Boimorto, acolle unha mostra de Artesanía de Galicia na que oito obradoiros artesáns de oficios como a xoiería, a marroquinería, a elaboración de zocos, o téxtil ou a tornaría de madeira venden e exhiben os seus produtos.
A miniferia de Artesanía de Galicia, organizada pola Asociación Galega de Artesáns e que conta coa colaboración da Consellería de Economía e Industria, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, ten por obxectivo impulsar a comercialización do produto artesán feito na nosa comunidade e servir de vía de promoción do traballo dos creadores amparados na marca Artesanía de Galicia, e estará aberta en horario continuado de mañá e tarde.
Os obradoiros que participan nesta feira son: Laia Zapateiros de Melide; Zimzelatum de Gondomar; En lá de Monforte de Lemos; Patapum de Quiroga; Coas Mans Artesanía de Silleda; Mario Coiro da Estrada; Plata Nativa de Sada; e Fiada de Carral.
Neste evento tamén participarán outros obradoiros que contan coa marca Artesanía de Galicia como son Elena Ferro de Vila de Cruces; Arela de Fe de A Guarda e Idoia Cuesta de Outeiro de Rei.
O Festival da luz é un festival multidisciplinar no que teñen cabida non só a música senón tamén actividades lúdicas dirixidas ao público de todas as idades. Complétase cun Mercado da luz, unha mostra das iniciativas que innovan e fomentan a calidade da vida no medio rural.