publicidade hoxe

O Xulgado condena a obstrución do alcalde de Trazo no acceso dos socialistas á información municipal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTrazo
A-
A+

O Xulgado do Contencioso Administrativo Número 4 da Coruña vén de atender o recurso da portavoz dos Socialistas de Trazo, Beatriz Domínguez, contra os continuos atrasos e dificultades no acceso á información municipal postos por parte do alcalde, Xosé Dafonte. A sentenza dá conta dunha “actitud obstruccionista del Alcalde a la actividad de la concejal en el ejercidio de sus funciones públicas” e considera “vulnerado el derecho fundamental de la recurrente al ejercicio de sus funciones en el Concello de Trazo”.

A sentenza, emitida o pasado 9 de setembro, declara que o alcalde de Trazo “ha lesionado el derecho fundamental de la recurrente a la participación en asuntos públicos, al impedirle el acceso a la documentación solicitada”, polo que lle impón as costas do procedemento. A devandita documentación, solicitada polos socialistas o 19 de marzo de 2015 e á que puido finalmente acceder o 8 de xuño de 2015, consistía nas alegacións formuladas por veciños, entidades, partidos políticos e Administración ao documento de aprobación inicial do PXOM de Trazo, así como o expediente completo de contratación de asistencia técnica ao Concello no proceso de exposición pública do PXOM.

Unha petición máis que xustificada en Trazo, onde os erros cometidos polo alcalde e o Grupo Municipal do Partido Popular fixo que os documentos do PXOM que se expuxeron ao público en setembro de 2014 non se correspondían cos aprobados inicialmente polo Pleno Municipal de xullo do mesmo ano. A rápida actuación dos socialistas de Trazo, advertindo das irregularidades aos técnicso do Concello, evitaron unha nova demora nun Plan Xeral que xa acumula case unha década de atrasos por mor da deixadez e incompetencia do alcalde Xosé Dafonte.

“Aparentando legalidade” 

A sentenza é tamén especialmente crítica con todas e cada unha das alegacións presentadas por Xosé Dafonte para tentar de xustificar a súa actitude obstruccionista coa oposición municipal. Así, especifica que “no se entiende que no se tenga el mismo espíritu expeditivo para facilitar el trabajo a los concejales que son parte de la Corporación salvo que, aparentando legalidad, se pretenda impedir el acceso a la información, no impidiéndolo pero sí demorándolo de forma que no puedan informarse y mantener informados a los ciudadanos del trabajo que se desarrolla en la Alcaldía. Esto es, coartando el ejercicio de sus funciones como concejales”.

De feito, a sentenza desmonta todas as alegacións realizadas polo equipo de Goberno do PP de Trazo, cuestionando por exemplo que se permita a saída de documentación orixinal do Concello e non se permita o seu exame aos concelleiros, ou que se alegue que non se dispón da documentación cando “de la declaración de la Secretaria del Ayuntamiento resulta que esa documentación no salió del Ayuntamiento, por lo que no existía motivo en la demora de la exhibición, lo que indica una actitud obstruccionista del Alcalde a la actividad de la concejal”.

Obstruccionismo constante

Beatriz Domínguez considera que “esta sentenza corrobora o que os socialistas levamos anos denunciando: que dende o Concello de Trazo se está actuando de mala fe co único fin de entorpecer o noso labor como oposición, cando somos os lexítimos representantes escollidos polo pobo de Trazo”. Unha situación que obrigou aos Socialistas de Trazo a ter que solicitar o amparo do Valedor do Pobo en varias ocasións ao longo dos últimos anos.

Que o atraso se producira co PXOM é especialmente grave pois a negativa do alcalde tivo lugar xusto antes das eleccións municipais, impedindo así que o grupo municipal socialista puidera ter acceso a un documento fundamental para o futuro do municipio.

Ademais de entorpecer o acceso da oposición á documentación do PXOM, os socialistas lembran que o Concello de Trazo está tamén a demorar a entrega das actas das Xuntas de Goberno Local. Domínguez lembra que “nun Concello como Trazo, con plenos cada tres meses, o noso labor baséase case exclusivamente na fiscalización e revisión das actas das Xuntas de Goberno, ás que só asisten concelleiros do Partido Popular. Enviar as actas cunha demora de entre 3 ou 4 meses incumpre o artigo 113b do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais (R.O.F.), que establece un prazo máximo de 10 días. “O único que se nos ocorre para esta actitude é que o señor Dafonte lle ten medo á transparencia e a que os veciños coñezan a súa pésima e nula xestión á fronte do Concello de Trazo”.

 

15 de setembro de 2015 | 10:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.