O Xiria Pop chega á maioría de idade con The Bevis Frond como cabeza de cartel

Presentación de Xiria Pop
Dezaoito anos leva o festival Xiria Pop traendo a Carballo o mellor do panorama da que se ten dando en chamar música independente. Na súa maioría de idade, Xabier Graña, organizador da cita, asegura que segue mantendo a aposta pola calidade musical, con grupos como os cabeza de cartel deste ano, The Bevis Frond, que actúan por primeira vez en Galicia e o fan no Xiria Pop. O Concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, lembra que o festival é “un dos máis lonxevos”, xunto co Felipop, e cre que estamos “ante unha das mellores edicións, non só polo cartel, senón tamén polos novos grupos” que tocarán na sala Dublín o venres 18 e o sábado 19 de setembro. Tanto el como o Alcalde, Evencio Ferrero, transmitíronlle á organización os seus parabéns por ter transformado ao Xiria Pop nun “festival de culto”. Graña subliña que non hai case variacións respecto da estrutura do festival de anos anteriores, con dúas xornadas cheas de pop e rock, cun prezo de 15 euros para un día e 25 euros o bono para o sábado e o domingo.
Respecto dos grupos, e comezando por The Bevis Frond, son unha banda que leva máis de 30 anos facendo discos de referencia mundial na psicodelia, explica Graña. O seu líder, Nick Saloman, é un músico de culto que xa accedeu a actuar no festival no mes de abril e que arrastra a moitos seguidores. Así, xa hai días que varias persoas se interesaron pola reserva de entradas ao coñecerse a presenza da banda londinense. É a aposta máis forte para o venres.
As citas do primeiro día complétanse cos cataláns Biscuit, Salto dende Madrid e os composteláns Puma Pumku, que xa visitaron este ano o Sereas e Piratas, pero que Graña asegura entre risos que el xa os tiña contratado para o Xiria Pop antes ca eles. Biscuit xa visitaron o festival e son uns veteranos en Carballo, pero volven un ano máis xa que a súa admiración por The Bevis Frond lles fixo pelexar por vir e compartir cartel con eles. Salto é un grupo novo de Madrid que conta cun carballés no baixo e que está despegando con éxito.
O sábado o festival recupera a súa vena máis rockera e tamén a un dos grupos que máis pegaron a finais dos 80 e primeiros dos anos 90, BB sin sed, de Sabadell. No seu momento sacaran tres discos moi bos pero non tiveron continuidade, ata que hai pouco decidiron volver cos cinco membros orixinais do grupo. De Santander chegan Los Tupper e de moi preto, de San Sebastián, Lie Detectors. Graña asegura dos vascos que acaban de comezar e “están arrasando” coa súa música, de tal forma que decidiu traelos ao festival despois de ver un vídeo deles en Facebook. Por último, abre a noite do sábado Cabezafuego, dende Villava. Un músico “con moitas horas de voo”, segundo Graña, e que xa actuou na Sala Dublín.
Como é habitual, ademais das actuacións musicais, o Xiria Pop inclúe actividades paralelas, este ano centradas na presentación de dous libros. O venres 18, tamén na Sala Dublín pero ás 19.30 horas, Fernando Fernández Rego falará da súa biografía de Andrés do Barro, titulada “Saudade”; e o sábado, no mesmo sitio e á mesma hora, Jaime Gonzalo, coñecido por ser cofundador da revista Ruta 66, presenta a súa triloxía sobre o rock and roll “Poder freak: una crónica de la contracultura”, na que relata a evolución do movemento contracultural dende os anos 60 ata hoxe en día. Os libros únense á música de calidade nun dos festivais de referencia de Galicia.











