publicidade hoxe

O vigués Iñaki Varela Pérez faise co VIII Premio de Poesía Victoriano Taibo – ELM de Morgadáns

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGondomar
A-
A+

O VIII Premio de Poesía Victoriano Taibo – Entidade Local Menor de Morgadáns acadou este ano unha importante participación, como vén sendo costume dende a súa institución, con corenta e dous orixinais presentados. Na primeira quincena de setembro reuniuse o xurado, que resaltou a importante calidade de moitos deles e elixiu, en primeiro lugar, as obras finalistas, que resultaron ser as citadas a continuación por orde de entrada, as que ostentaban os seguintes títulos e lemas ou pseudónimos:

Camuflaxe (Campos de néboa eléctrica)

Exhumación

Do outro lado das portas (O Miño)

Diario de ladras, bailarinas, asasinas e flores (Vita da Vita)

Culpable (Nüwa)

A continuación acordaron concederlle o galardón desta convocatoria ao poemario titulado Do outro lado das portasvalorando que estamos ante un libro que trata os temas máis actuais dende unha perspectiva social, nunha especie de épica actual, en que o autor nos dá a súa particular visión do que nos preocupa hoxe sen que os poemas se resintan na súa construción lírica. A cidade de Vigo ou o Miño adquiren personalidade propia neste poemario que engancha a lectura dende as primeiras páxinas.

O autor da obra premiada éIñaki Varela Pérez, natural de Vigo cidade na que exerce como profesor de Xeografía e Historia. Afeccionado á literatura dende moi novo, este é, non obstante, o seu primeiro libro, que será publicado polo IEM na súa colección Victoriano Taibo como parte do premio acadado, consistente, ademais, en tres mil euros en metálico, unha peza escultórica conmemorativa, obra do artista miñorán Fino Lorenzo, e a presentación do autor e o poemario nunha gala que se celebrará ao longo do mes de novembro, en data que se anunciará oportunamente.

Do premio

Ata hai uns poucos días non sabiamos se poderiamos divulgar esta noticia ou sería necesario publicar outra distinta e triste que supuxese a desconvocatoria do premio, pois o actual presidente, dende as últimas eleccións municipais, da Entidade Local Menor de Morgadáns, mecenas esta do certame ata o de agora, comunicounos, primeiro oralmente e logo oficialmente e por escrito, a súa decisión de non asumir o custo comprometido mediante convenio vixente dende o ano 2008, convenio que se renova automaticamente cada ano se ningunha das partes o denuncia cun mes de antelación.

 Así as cousas, acudimos ao goberno do concello de Gondomar en demanda de axuda para salvar esta convocatoria e, afortunadamente, atopamos alí a sensibilidade necesaria para que un certame de poesía que lle leva proporcionado ao lectorado de Galicia oito novos títulos do máis alto nivel, convertido en referente tanto pola cantidade como pola calidade de autores e orixinais participantes, puidese cumprir o seu compromiso e completar o ciclo da convocatoria coa entrega do premio e a presentación da obra galardoada, acción pola que nos congratulamos e aplaudimos.

 O IEM resérvase a posibilidade de reclamar á Entidade Local de Morgadáns o cumprimento das obrigas adquiridas contractualmenteco Instituto de Estudos Miñoranos e co premio Victoriano Taibo.

18 de setembro de 2015 | 21:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.