O traslado do CIM ao Concello de Lalín responde a unha vella reivindicación das traballadoras e das usuarias
A concelleira de Muller e Igualdade, Celia Alonso, destacou hoxe que o traslado do Centro de Información á Muller á planta baixa do Concello “solventa unha vella reivindicación tanto das traballadoras como das usuarias do servizo que estaban fartas das lamentables condicións do anterior local”. Alonso indica que o cambio de ubicación do centro se demandaba “dende hai uns 13 anos sen que o anterior goberno fixese absolutamente nada por mellorar a situación”.
A concelleira explicou que o cambio era “absolutamente necesario” alegando que “a antiga oficina -instalada no Centro Social dos Maiores- vulneraba inadmisiblemente a privacidade das usuarias e estaba nun estado lamentable para as traballadoras”. Isto debíase, segundo explicou, a que no CIM “tiñan que convivir habitualmente coas actividades do centro dos maiores que se realizaban paralelamente no edificio, prexudicando claramente a intimidade e o seu bo funcionamento”.
Todos os servizos prestados polo CIM ofrécense agora no andar baixo do consistorio, no lugar onde antes estaban instalados os despachos da concellería de Benestar Social. Alonso aproveitou para recordar que o CIM está a disposición de todas as mulleres para solicitar calquera tipo información que precisen.











