O transporte urbano de Santiago continuará dando servizo á urbanización dos Tilos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria deste venres, aprobou o convenio de colaboración entre os concellos de Santiago e Teo e a Xunta de Galicia para a coordinación dos servizos de transporte público con orixe ou destino na urbanización dos Tilos. Este acordo será asinado este luns nun acto no que participarán os alcaldes de Santiago, Martiño Noriega, e de Teo, Rafael Sisto, e a conselleira de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez.

Segundo explicou o alcalde e voceiro da Xunta de Goberno, Martiño Noriega, o transporte urbano de Santiago seguirá estendendo os seus servizos á urbanización dos Tilos, posibilitando tráficos interurbanos coa mesma, tanto de entrada como de saída da cidade. Actualmente, o servizo préstase mediante a extensión das liñas 6 e 12.

Convenios con entidades sociais

Por outra parte, na sesión aprobáronse catro novos convenios con entidades sociais para este ano 2015: Asociación Itínera (2.000 euros), Cociña Económica (60.000 euros), Cruz Vermella (22.000 euros) e Federación de Asociacións de Familiares e Enfermos Mentais de Galicia-FEAFES (10.000 euros).

Refuxio de Animais

Ademais, deuse conta da sinatura do convenio coa Fundación Refuxio de Animais para este exercicio 2015, polo que o Concello achega, en concepto de subvención, 135.621 euros. A propósito do Refuxio, o alcalde cualificouno como “modelo a reivindicar, pero tamén a mellorar”, sempre cunha aposta por cuestións como a sustentabilidade, o respecto aos animais e o fomento da adopción.

11 de setembro de 2015 | 16:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.