O tenente de alcalde comproba os desperfectos ocasionados polo temporal

Visita a unha das zonas afectadas
O tenente de alcalde e concelleiro responsable de Urbanismo, Nicolás González Casares, fixo un percorrido esta mañá, acompañado polo encargado da Brigada Municipal de Obras, Ramón Galego, por distintos puntos do casco urbano para revisar diferentes desperfectos e tratar de buscar solucións para os mesmos coa maior celeridade. Así mesmo, a rolda tamén serviu para comprobar os efectos do temporal no paseo Pontiñas, onde caeron varias árbores, que xa empezaron a ser retiradas polo Servizo de Protección Civil, co fin de que o roteiro poida estar en perfectas condicións para o desfrute dos lalinenses durante as festas patronais. Entre as deficiencias inspeccionadas de máis relevancia, foron revisados os afundimentos da beirarrúa da rúa Fontesanguiña e os doutra situada na parte traseira dun bloque de edificios da rúa Arenal, que serán amañados con brevidade.
González Casares e Galego tamén acudiron ao Lalín Arena, onde nos próximos días se procederá á substitución de varios paneis quebrados de dobre cristal que separan as bancadas da pista. Así mesmo, arranxaranse tanto as porterías deste pavillón como as do municipal, algunha delas de xeito provisional, xa que está previsto cambialas por outras novas proximamente. Como explicou o edil, “este tipo de visitas estase a facer de xeito regular,co obxectivo de ir reparando os desperfectos cando van aparecendo e así manter a vila dentro das mellores condicións posibles”, explicou.











