O Sergas nega que a falecida adquirise o aspergillus no hospital Álvaro Cunqueiro
A dirección da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Vigo emitiu un comunicado no que desmente “categoricamente” que “algún paciente falecido” estivese infectado por un ‘aspergillus’ “adquirido no hospital público Álvaro Cunqueiro (HAC)”. Segundo o xerente da EOXI, Félix Rubial, “calquera afirmación nese sentido é completamente infundada, inadmisible e obedece exclusivamente ao interese por crear alarma na poboación”.
Fontes hospitalarias confirmaron o falecemento dunha muller de 65 anos de idade na UCI do novo hospital de Vigo. As mesmas fontes sinalaron que as primeiras análises evidenciaron a presenza de ‘aspergillus’, aínda que queda por determinar se o fungo procede do Álvaro Cunqueiro ou se xa o tiña”, así como as causas do falecemento.
O Sergas reiterou que “todas as unidades e servizos que, na actualidade, están a funcionar no HAC, son absolutamente seguros e cumpren cos parámetros de seguridade requiridos e esixibles”.











