O Sergas garante que a UCI onde morreu unha muller con ‘aspergillus’ atópase en condicións para recibir pacientes
O Sergas garantiu que a UCI que está operativa no hospital Álvaro Cunqueiro, na que faleceu este mércores unha muller con patoloxía hepática en cuxo organismo se detectou presenza do fungo ‘aspergillus’, está “en condicións” para recibir pacientes. Así o manifestou o xerente da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Vigo, Félix Rubial, quen volveu a desmentir “rotundamente” que “ningún dos pacientes falecidos no hospital Álvaro Cunqueiro” puidese adquirir o fungo nestas instalacións. En todo caso, precisou que, á marxe da paciente hepática, non ten “coñecemento” de que o ‘aspergillus’ sexa detectado nalgún outro paciente que morrera.
Con respecto ás áreas do hospital que están pechadas por problemas na calidade do aire (outra UCI, quirófanos, reanimación…), admitiu que os primeiros cultivos “deron resultado positivo nalgunha área, pero non por ‘aspergillus'”, e que hai que seguir esperando os “resultados definitivos”. Así as cousas, a continuación do traslado de pacientes non será posible polo menos até a semana do 14 de setembro.











