O sector da conserva xera na comunidade galega case o 3% do PIB

Quintana na Conferencia Mundial do Atún
O sector da conserva xera en Galicia case o 3% do Produto Interior Bruto e na nosa Comunidade operan un total de 60 industrias conserveiras, o que nos converte en “referente a nivel europeo e mundial desde hai máis de un século” neste eido produtivo. Así o destacou esta mañá en Vigo a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, na inauguración da VII Conferencia Mundial do Atún “Vigo 2015”, organizada por Anfaco-Cecopesca. Neste acto estivo acompañada polo secretario xeral do Mar, Juan Maneiro.
Rosa Quintana destacou a importancia desta cita para procurar unha postura común da industria en relación con aspectos como a “nova política pesqueira, a globalización do mercado e as tendencias e hábitos de consumo dos cidadáns”. Tamén, para impulsar “un labor investigador permanente que supoña un constante avance cualitativo na industria alimentaria”.
Sobre os hábitos de consumo, a conselleira salientou que os cidadáns “somos cada vez máis esixentes e incluímos novos valores, como pode ser a chamada conciencia verde, a sensibilidade por unha pesca sustentable ou polo coidado do medio ambiente”. Por iso, engadiu, “valoramos a sustentabilidade dos recursos ao tempo que conferimos importancia a unha boa alimentación como base dunha vida saudable”. Neste sentido, a titular de Medio Rural e Mar sinalou que a “estrela dos produtos en conserva” é sen dúbida o atún, “un produto fácil de consumir, rico en proteínas, ferro e Omega 3”.
Neste contexto, Rosa Quintana valorou a importancia deste produto na alimentación infantil e referiuse ao programa “Ponlle as pilas ao teu bocata”, impulsado pola Xunta en colaboración coa patronal Anfaco e que ten como obxectivo conseguir que os máis cativos aprendan a degustar as conservas do mar.
A conselleira puxo en valor as propiedades deste produto “que chega ás nosas mans listo para consumir”, pero que “ten tras de si unha longa sucesión de procesos que van desde a súa pesca e limpeza, preparación, envasado, etiquetaxe e posta no mercado”. Un proceso con múltiples axentes implicados e que permite que só en España se xeraran máis de 904 millóns de euros o pasado ano.
Rosa Quintana felicitou tamén aos organizadores desa Conferencia, na que –indicou– danse cita “máis de 300 directivos de empresas líderes dos cinco continentes”, coa asistencia de “representantes de países que supoñen máis do 90% da produción mundial de conservas de atún”, remarcou.











