O Santiago Futsal recibirá o venres a Movistar Inter

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

Santiago Futsal xa se prepara para recibir este venres a Movistar Inter, actual campión de Liga e Copa do Rei, nun encontro moi esperado pola afección celeste, que recibe a un dos grandes da liga no que milita o mellor xogador do mundo: Ricardinho; na 3ª xornada da competición.

Para o partidazo da xornada, Santiago Futsal establece ‘día do club’ e todos os asistentes ao encontro terán que abonar o prezo da entrada. Os prezos das entradas para non abonados son de 15€ Adultos, 5€ menores de 18 anos e 2€ menores de 13 anos. Por outra banda, o prezo para abonados é de 5€ para maiores de 18 anos, mentres que os menores de 18 anos acceden gratis.

Ademais, o día do encontro instalarase unha zona con inchables para nenos no hall principal do Multiusos de uso gratuíto.

E se aínda non renovaches o teu abono do Santiago Futsal para esta tempada, estás a tempo de realizalo nas nosas oficinas durante esta semana en horario de 10h-14h e de 16.30h a 19h. O club rebaixou os prezos dos abonos esta tempada entre un 20% e un 50%, asique non deixes pasar a oportunidade de abonarte ao Futsal da Terra e vibrar cada semana co mellor fútbol sala. Prezos: 70€ Adulto, 45€ Universitario, Federado, ADV ou Discapacitado, 25€ Parado ou Xubilado, 20€ Xuvenil (13-17 anos), 10€ Infantil (menores de 13 anos) e 200€ o Futsal Pack (5 carnés).

Pensando en Movistar Inter

Os dous empates consecutivos que acadou o Santiago Futsal nas dúas primeiras xornadas de Liga, ambos con idéntico marcador (4-4), situárono esta semana na 9ª posición da táboa con 2  puntos no seu marcador. Aínda que é certo que nos dous encontros Santiago Futsal conseguíu a remontada na 2ª parte, esta pasada xornada tivo que imprimirlle unha marcha máis a un encontro que se lle puxo costa arriba polos fallos defensivos da primeira parte. Con todo, grazas ao gol de Antonio Diz a falta de 2 minutos, os celestes salvaron un punto no seu primeiro partido ante a súa afección.

Pero esta xornada a proba dos de Santiago será aínda maior. Reciben ao actual campión de Liga e Copa do Rei, Movistar Inter, un conxunto que sumou pleno de vitorias nos dous encontros que levamos de Liga. O partidazo terá lugar o venres ás 21h no Multiusos Fontes do Sar, encontro para o que o Santiago Futsal estableceu como ‘Día do Club’ e todos os asistentes terán que abonar o prezo correspondente da entrada.

O equipo celeste comezou esta mañá as sesións de adestramento semanais e esta tarde medirase á Selección de Vietnam  nun encontro amigable durante a sesión de adestramento (16.45h).

21 de setembro de 2015 | 14:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.