O Rio Natura Monbus Obradoiro xogará o I Torneo Solidario Fundación CID en Burgos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

O Rio Natura Monbus Obradoiro continúa coa súa preparación de pretemporada, que o próximo fin de semana pasa pola XXX Copa Galicia a celebrar en Ourense, aínda que non será a última cita dos galegos antes do partido de presentación contra o F.C. Porto ante a súa afección en Sar.

Do 25 ao 27 de setembro, o club participará no I Torneo Solidario organizado pola Fundación CID no Coliseo de Burgos, onde se medirá de novo a Herbalife Gran Canaria, a Valencia Basket e a Dominion Bilbao Basket. O cuadrangular será ademais solidario, xa que a recadación irá destinada a Cáritas e ao Banco de Alimentos.

Serán encontros moi intensos dos obradoiristas ante tres rivais de Eurocup. O venres 25 o Rio Natura Monbus inaugurará a competición ante o Dominion Bilbao Basket (20.45 horas). A xornada do sábado será a de descanso para os de Moncho Fernández, xa que se enfrontarán canarios e valencianos. O domingo enfrontaranse os gañadores de ambos os encontros, na gran final a disputar ás 19.30 horas, pero un pouco antes, ás 17.00 horas, decidirase o terceiro e o cuarto posto. 

Os organizadores do torneo comezan hoxe mesmo a venda de entradas a través de marcaentradas.com. O prezo do bono para os catro partidos é de 20 euros, mentres que as entradas de partidos soltos teñen un prezo de 12 euros para adultos e 6 para nenos. 

Despois desta cita, os afeccionados obradoiristas poderán coñecer por fin ao seu equipo en Sar, no encontro ante o F.C. Porto enmarcado dentro dos actos do XLV Aniversario do club e organizado baixo a coordinación da Fundación Heracles. As entradas xa están á venda para este encontro, tanto mediante a web do club (www.obradoirocab.com) como en oficinas, e até o 24 de setembro, terán un prezo reducido de 5 euros para abonados (no seu mesmo asento) e para menores de 18. Os Amigos da Fundación Heracles, pola súa banda, poderanas adquirir a este prezo reducido indefinidamente. A partir do 24 de setembro, o prezo xeral será de 12 euros en calquera dos sitios dispoñibles.

14 de setembro de 2015 | 19:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.